Restricións en tres municipios de Ourense ao non dar información veraz un positivo

Unha rastreadora de Covid. EFE
Manzaneda, San Xoan de Río e A Pobra de Trives piden aos establecementos que non sexan de primeira necesidade que pechen as súas portas

Os concellos ourensáns de Manzaneda, San Xoan de Río e A Pobra de Trives emitiron un comunicado conxunto para pedir aos establecementos que non sexan de primeira necesidade que pechen as súas portas ante o risco de que a zona rexistre un "importante brote" de Covid- 19 por un caso positivo que "non deu información veraz".

A cuestión foi abordada polos alcaldes co persoal médico da PAC de Trives, que detectou o caso, nunha reunión do comité de urxencia. Na reunión, evidenciáronse tanto as contradicións como a falta de información veraz facilitada pola persoa afectada e dalgunha das contactadas, alertan. Esta situación xerou "un absoluto desconcerto nos tres concellos, así como nos sanitarios", polo que se puxo en coñecemento da autoridade, por se o feito puidese ser "constitutivo de delito".

Dada a "amplitude da cadea de contactos da persoa contaxiada", e en previsión de que "poida haber un importante brote" nas localidades, os expertos sanitarios pediron que se tomen medidas "o máis axiña posible". O centro de saúde atenderá só citas telefónicas a menos que así o determinen os facultativos e pecharanse as piscinas municipais. Tamén fixeron un chamamento aos contactos do caso positivo para que fagan un exercicio de responsabilidade e o comuniquen urxentemente ao centro de saúde.