Resultado "espectacular" na primeira paciente de Galicia tratada con plasma e antiviral

O doutor Adolfo Baloira, xefe de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario de Pontevedra. EP
A muller, inmudeprimida, estivo ingresada unha primeira vez con coronavirus e volveu ser hospitalizada dúas semanas logo de recibir o alta

Unha muller ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra converteuse na primeira paciente de Galicia —e das primeiras en España— con Covid-19 que foi tratada coa combinación de plasma hiperinmune e o antiviral Remdesivir, cun resultado "espectacular", como celebrou o xefe de Pneumoloxía do centro, Adolfo Baloira Villar.

A paciente, de mediana idade, ingresou unha primeira vez no hospital con Covid-19 e está inmunodeprimida, xa que se atopa en tratamento por un tumor cun fármaco (Rituximab) que lle impide producir anticorpos para loitar contra o coronavirus.

Tras recuperarse recibiu a alta —con dúas PCR negativas—, pero dúas semanas despois tivo que volver ser hospitalizada ao presentar febre e dificultade respiratoria. A paciente volveu dar positivo por coronavirus, cunha carga vírica "altísima" e foi ingresada na Uci para controlar a súa evolución. Os médicos están pendentes da análise de mostras para confirmar se foi unha reinfección ou se se trataba do mesmo virus que xa tivera, e quedara latente no seu corpo.

O equipo encabezado polo doutor Baloira decidiu entón probar unha terapia pioneira: a combinación de dous tratamentos, o plasma hiperinmune e o antiviral Remdesivir. Para iso, pediron autorización á Axencia Española do Medicamento para o uso do antiviral fóra dun ensaio clínico.

O xefe de Pneumoloxía destaca que a eficacia dos tratamentos está vinculada coa prontitude coa que se apliquen

Así, o pasado venres a paciente recibiu plasma dun doante cunha alta taxa de anticorpos e, ao día seguinte, unha vez que se autorizou o seu uso e chegou o fármaco ao hospital, administróuselle o Remdesivir. "Son dous tratamentos diferentes, pero co mesmo obxectivo: eliminar canto antes o virus do corpo da paciente", explicou.

Baloira recorda que a eficacia deses tratamentos está vinculada coa prontitude coa que se apliquen. Neste caso, iniciouse a terapia ao quinto día desde o inicio dos síntomas e "o resultado foi espectacular, excelente".

A muller segue hospitalizada en planta, pero as probas sinalan que "practicamente xa desapareceu a pneumonía", "non necesita osíxeno, non ten febre, pode pasear pola súa habitación" e a súa evolución é boa, aínda que permanecerá no centro entre 10 e 15 días máis para seguir controlada.

Adolfo Baloira expresa a súa satisfacción polos bos resultados deste tratamento combinado, que se publicarán nunha revista científica, e destaca a "baixa mortalidade" dos pacientes con Covid na área sanitaria de Pontevedra. Entre as medidas adoptadas neste complexo, recordou a retirada temperá de fármacos que se demostraron ineficaces para tratar a infección.