Revogan a pena de cárcere do médico que operou á ximnasta galega Desirée Vila

Pedro Larrauri, nun momento do xuízo. ARQUIVO

A moza sufriu a amputación dunha perna por mor dunha "imprudencia menos grave", segundo o novo auto

A Audiencia de Pontevedra estimou parcialmente o recurso do traumatólogo condenado a dous anos de cárcere e catro de inhabilitación profesional pola amputación dunha perna da ximnasta Desirée Vila, e substituíu a pena de prisión por unha multa de 9.000 euros.

O tribunal tivo en conta, por ser máis favorable para o acusado, a reforma do artigo 152 do Código Penal, que entrou en vigor pouco despois de suceder os feitos, e que introduciu unha diferenciación entre delitos de lesións por imprudencias graves, da que foi acusado en primeira instancia, e menos graves. Así pois, revoga a sentenza do Xulgado do Penal 3 de Vigo, que condenou a Pedro L.P. por un delito de lesións por imprudencia grave con perda de membro principal e grave deformidade, ao consideralo autor dun delito de lesións por imprudencia menos grave.

Así mesmo, o tribunal rebaixou a contía das indemnizacións á ximnasta, fixadas inicialmente en 2,1 millóns de euros, que debían afrontar conxunta e solidariamente o traumatólogo acusado, así como a clínica e a aseguradora implicada en canto ás responsabilidades civís. Tamén revogou a contía establecida como indemnización por prexuízo estético, que era de 111.149 euros, e fixouna en 51.061 euros.

Respecto da indemnización polas secuelas, estableceuna en 147.356 euros, fronte aos 176.954 da sentenza de primeira instancia.

O Xulgado do Penal número 3 situou en 100.000 euros a contía por perda de calidade de vida, mentres que a Audiencia fixouna en 50.000 euros. O alto tribunal provincial anulou o pago de calquera contía por dano moral complementario e por gastos sanitarios futuros.

Os maxistrados da sección quinta da Audiencia de Pontevedra destacan no seu fallo que o acusado tivo que realizar probas diagnósticas "antes do momento no que se fixeron", polo que coincide coa sentenza de instancia en que dos feitos xorde "unha imprudencia penalmente relevante".

No entanto, argumentan que "desde o momento en que cabe diferenciar entre a grave e a menos grave, dado o contido da reforma, debería analizarse en cal dos dous novos tipos encaixaba a conduta do sospeitoso" e conclúen que debe situarse na menos grave. Por iso, procederon á imposición da única pena prevista legalmente para ese suposto que é a de multa, pois a nova regulación non inclúe condenas de inhabilitación profesional.

Así, sinalan que para un médico non experto en problemas vasculares podía existir "certa dificultade na ponderación da urxencia das actuacións". Doutra banda, argumentan que hai constancia de que o facultativo "non abandonou á paciente nin a súa evolución" e que "adoptou algunhas medidas de control, a pesar de que, lamentablemente, despois non actuou en consecuencia".

A Audiencia tamén sostén que tanto o atraso na práctica da primeira proba de imaxe como o traslado a outro hospital "non respondeu en exclusiva a decisións do seu ámbito". "Isto non nega a relevancia penal do feito de non actuar doutra forma que acelerase esas actuacións, pero si son elementos a atender na ponderación", asegura o tribunal.