A Policía Local de Poio detiña este venres a un home de 42 anos por un presunto delito de roubo dun vehículo a motor no Vao de Arriba. O arrestado, que carece de permiso de conducir e que consumira cocaína e opiáceos, subtraeu o vehículo e encaixouno contra unha vivenda.
Deste xeito, na tarde do venres e tras recibir unha chamada de alerta, os axentes da Policía Local desprazáronse ao momento e atoparon o vehículo encaixado contra unha vivenda e ao presunto autor dentro do mesmo. Nese momento procederon á súa detención e, dado que presentaba "evidentes síntomas de atoparse baixo os efectos de estupefacientes", foi sometido a un test que verificou que consumira cocaína e opiáceos, segundo sinala a Policía Local de Poio.
Unha vez identificado, comprobaron que o arrestado non dispón de permiso de conducir por ter unha perda de vixencia do mesmo, e ademais conta con antecedentes por feitos de similares características.