Rueda reclama "autocrítica" ao PP para analizar a perda de votos

"Houbo fallos e iso levounos a perder apoios", recoñeceu o número dous dos populares galegos, que, en calquera caso, reivindicou a vitoria do seu partido na comunidade, con case dez puntos de vantaxe sobre o PSdeG
Alfonso Rueda, en rueda de prensa
photo_camera Alfonso Rueda, en rueda de prensa

O secretario xeral do PP galego, Alfonso Rueda , fixo este luns un chamamento a facer autocrítica en serio" para analizar os motivos da perda de apoios, tanto en Galicia como no conxunto de España.


Rueda compareceu este luns en conferencia de prensa para analizar un pouco "máis en detalle" os resultados coñecidos este domingo e a falta de que conclúa o escrutinio nalgúns lugares, como A Coruña, onde o PP intenta ser a primeira forza, un posto que con case o 95% escrutado ocupa a Marea Atlántica, aínda que cos mesmos concelleiros.

O número dous dos populares galegos reivindicou a vitoria do seu partido en Galicia nas eleccións municipais, con case dez puntos de vantaxe sobre o PSdeG e máis de vinte sobre o BNG, segunda e terceira forzas respectivamente e, incluso, dixo, con case dez puntos de vantaxe sobre o PP no conxunto de España.

Estes resultados implican que o PP terá maioría absoluta en case 150 municipios e foi a primeira forza noutros 50.

"Pero o certo e verdade é que perdemos apoios e gobernos, está clarísimo e non temos dúbida en facer autocrítica en serio, de modo planificado: houbo fallos e iso levounos a perder apoios", indicou Rueda, que insistiu na necesidade de ver as causas dos resultados a pesar de gañar as eleccións con case o 36% dos votos, pero tras perder apoios, gobernos e municipios.

"Sería moi san para todos que todos o fixesen así; o noso partido a nivel nacional e outras forzas políticas en Galicia", concluíu.

Rueda fixo unha lectura dos resultados en dez claves, entre as que indicou que as forzas na oposición non rendibilizaron a caída de apoio do PP, xa que salvo "o magnífico resultado do PSdeG en Vigo" e o bo resultado do BNG en Pontevedra, tanto socialistas como nacionalistas perden apoios.

Polo tanto, destacou, quen capitalizan esta baixada son "novos partidos e coalicións", en alusión ás denominadas mareas.

En calquera caso, advertiu ao PSDEG de que pasou a ser "a terceira forza" en lugares nos que gobernaba ata hai catro anos, como A Coruña, Santiago ou Ferrol, tamén en lugares como Ourense, onde gobernaba ata agora, e segunda en Lugo, onde tamén tiña a Alcaldía.

O vicepresidente da Xunta defendeu que as forzas da oposición non rendibilizaron a caída de apoios ao PP. Foron os "novos partidos e coalicións" os que capitalizaron esa baixada

Na súa intervención aludiu tamén a que o PP gañou nas catro provincias, aínda que recoñeceu que iso non será "suficiente" para manter os gobernos das Deputacións da Coruña e de Pontevedra.


Sobre o BNG indicou que "onde fixo de apoio ou muleta do PSdeG desapareceu", polo que o invitou a "repensar" se quere seguir facendo ese papel que o está levando "na práctica á desaparición".

Ademais, expuxo que Ciudadanos non obtivo os resultados que esperaban e dixo que o PP estará "atento" alí onde gobernen as mareas para ver se cumpren o que prometeron.

Recoñeceu que este é "o terceiro mal resultado consecutivo" do PP tras as europeas de hai un ano e as andaluzas de marzo, polo que emprazou ás distintas reunións que terá o partido, tanto no conxunto de España como en Galicia, para analizar as causas.

Por este motivo incidiu na necesidade de facer autocrítica en serio, de modo planificado, e en non mentirse a si mesmos, xa que aínda que é certo que as vitorias son de todos, as derrotas tamén son de todos: "Gañamos e perdemos todos", asegurou.


Invitou ao BNG a "repensar" se quere seguir facendo eses papel que o está levando "á desaparición"

Descartou que este resultado se poida atribuír a Alberto Núñez Feijóo e mostrouse convencido de que "o contexto nacional"  tivo "un efecto prexudicial" para o PP galego.


Respecto ao resultado do PSdeG en Vigo, remarcou que é "inapelable" e asegurou que quizais o PP foi incapaz de ver "que o populismo que se podía adiviñar nas mareas xa estaba instalado en Vigo e tivo un rédito electoral".

Sobre os candidatos do PP que formaban parte do Goberno galego, Santiago, Vigo e Ourense, dixo que se presentaron coa intención de gañar e explicou que non contempla "outra perspectiva" distinta á de que sigan. 

Comentarios