Sanidade convoca para o 25 de novembro oposicións de medicina de familia

Oposiciones del Sergas. AEP

Pretenden cubrir un total de 241 prazas da modalidade en Galicia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, anunciou este venres que a Xunta convocará para o próximo 25 de novembro o exame de oposición para cubrir un total de 241 prazas de médico de familia na comunidade.

Tras un acto de despedida ao persoal xubilado, Vázquez Almuíña explicou que o exame, a petición do Ministerio de Sanidade, celebrarase "de acordo" con outras seis comunidades autónomas para "coordinarnos adecuadamente".

Este proceso de oposicións en Galicia coincidirá co que se vai celebrar en Andalucía, Castela e León, Baleares, Aragón, Murcia e, "posiblemente, algunha comunidade máis do norte de España", destacou o titular da Sanidade galega.

"O ministerio pedíunolo e entendemos que é importante", engadiu Jesús Vázquez Almuíña.

A oferta laboral, que Sanidade asegura estar "a negociar cos sindicatos", supón un esforzo "moi importante" para a administración autonómica, que se marca como obxectivo "estabilizar" o 95% das prazas de medicina de familia ao final de todo o proceso.

Esta estabilidade é, segundo Vázquez Almuíña, "fundamental" para mellorar o servizo de atención primaria, un dos "principais alicerces", dixo, da sanidade pública. "Con esas prazas estaremos nun nivel moi bo", concluíu o conselleiro de Sanidade.