A Consellería de Sanidade rectifica e non creará a categoría de pediatra de área

Cede ás críticas dos médicos e avanza que  "manterá abertas todas as vías de diálogo" para solucionar a falta destes profesionais

Una pediatra con un bebé. AEP
photo_camera Unha pediatra cun bebé. AEP

A Consellería de Sanidade do Goberno galego decidiu este martes retirar a proposta para a creación da categoría de 'pediatra de área', incluída na disposición adicional da Lei de medidas fiscais e administrativas que acompañan aos Orzamentos da Xunta de 2019. O departamento sanitario informou nun comunicado de que adoptou esta decisión tras a reunión que mantiveron os representantes do Servizo Galego de Saúde cos profesionais que participan no grupo de traballo de Pediatría que se constituíu no ano 2017 para avaliar a atención desta especialidade médica en Galicia.

O departamento autonómico, informa a Xunta, "aposta por seguir avanzando conxuntamente en medidas de consenso para solucionar o déficit de pediatras que afecta o conxunto dos sistemas de saúde".  Neste sentido, sinala que o Sergas "continuará contando coas achegas dos profesionais, co obxectivo de garantir e mellorar a calidade do servizo en todas as áreas sanitarias".

A Consellería de Sanidade incide en que "manterá abertas todas as vías de diálogo cos profesionais e as sociedades científicas para adoptar medidas consensuadas dirixidas a solucionar a falta de pediatras". Tanto o Sergas como as sociedades científicas coinciden en que a mellora da calidade asistencial na atención pediátrica "é unha prioridade compartida". 

Comentarios