Sanidade rexeita dotar a Galicia da mobilidade interprovincial na fase 2

O 70 % da poboación española, uns 32 millóns de persoas, avanzará ata o segundo nivel da desescalada
Control de tráfico, en Ourense. BRAIS LORENZO (EFE)
photo_camera Control de tráfico, en Ourense. BRAIS LORENZO (EFE)

Non puido ser. O Ministerio de Sanidade denegou a Galicia a posibilidade dos desprazamentos interprovinciais na fase 2. Ata nova orde quedan as visitas entre familiares de ata segundo grao que vivan en provincias distintas e dentro da comunidade galega, así como o desprazamento a outra provincia cando a súa finalidade sexa visitar a un familiar usuario de centros residenciais.

O Goberno entende que esta limitación nos desprazamentos é unha "garantía" á hora de conter eventuais rebrotes que poidan producirse, porque permite que os contagios queden concentrados nunha provincia concreta sen que se estenda a outras.

Aínda que esta é unha reivindicación expresada por algúns presidentes autonómicos como o galego Alberto Núñez Feijoó, Illa defendeu que a limitación da mobilidade interprovincial é unha medida de precaución que "está a funcionar ben" e que "a maioría de comunidades autónomas avala".

A partir do próximo luns, o 70 por cento da poboación española (32 millóns de persoas) estará en fase 2, o 30 por cento (15 millóns) en fase 1 e 45.000 persoas en fase 3. Sanidade tamén descartou flexibilizar algunhas medidas da fase 1, como solicitara por exemplo a Comunidade de Madrid para a reapertura de centros comerciais cun aforamento do 40 por cento, a volta ás aulas para preparar a Ebau e eliminar as franxas para os paseos.

Incorpóranse á fase 2 tres provincias da Comunidade Valenciana, as cinco que faltaban de Andalucía e Castela-A Mancha e a comarca castelanleonesa do Bierzo, Á vez que estrearán a fase 3 as illas canarias de El Hierro, La Gomera e La Graciosa e a balear de Formentera. Ademais, cos últimos repuntes en Lleida, Murcia, Canarias e Ceuta baixo control —Illa destacou que se puideron localizar precozmente — e o Ministerio de Sanidade informou este xoves de 182 novos contaxios diarios e 38 mortos nos últimos sete días.

A este respecto, o director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, Fernando Simón, afirmou que os datos, cuxo cambio de criterio xerou gran confusión nas últimas datas, son "cada día de mellor calidade" e permiten identificar eses focos rapidamente.

O informe diario do Ministerio de Sanidade, que segue revisando e reaxustando as series históricas, contabiliza 38 novos mortos con coronavirus nos últimos sete días, aínda que o total de falecidos, 27.119, só aumenta nun respecto ao último parte.

Os casos diagnosticados nas últimas 24 horas son 182, 49 menos que onte, dos cales Madrid comunicou 67 e Cataluña 39.

Comentarios