Sanidade sinala calidade "insuficiente" en doce zonas de baño

Vista da praia de Agrelo. ADP

A maioría das áreas afectadas atópanse na provincia da Coruña

Doce das 507 zonas de baño de Galicia teñen calidade insuficiente mentres que un 80,7% (409) rexistran calidade excelente, informa a Consellería de Sanidade.

Segundo o informe técnico anual ao peche da campaña 2017, cos datos que están vixentes para esta tempada de verán, Galicia ten 409 zonas con calidade excelente, 60 con boa, 26 con suficiente e 12 con insuficiente.

O primeiro grupo representa un 80,7%, o segundo ascende a un 11,8%, o terceiro redúcese a un 5,1% e o terceiro está limitado a un 2,4%.

Os datos veñen das analíticas das últimas catro tempadas de baño e inclúen tanto zonas de baño marítimas como continentais en ríos.

As análises da Consellería de Sanidade observan os parámetros microbiológicos, relacionados cos indicadores de contaminación fecal, entre xuño e setembro, con nove mostras tomadas nesa etapa e unha previa.

Nos casos nos que está desaconsellado o baño, a Xunta remite ao concello correspondente unha comunicación para que informe á poboación e prohiba o baño.

As únicas doce zonas con calidade insuficiente son a praia do río Tambre-Nináns, en Brión; A Concha, en Agarimo; Lires e Estorde, en Cee; a do río Furelos, en Melide; A Virxe do Camiño, en Muros, e a do río Rois-Seira, en Rois, pola provincia da Coruña.

En Lugo as que están nesta situación é a do río Neira Baralla, en Baralla; a do río Chamoso, no Corgo; e a do río Parga, en Guitiriz.

En Ourense a calidade é insuficiente na praia do río Limia-O Caneiro, en Baltar; e en Pontevedra ocorre o mesmo coa praia de Agrelo, en Bueu.