Santos avanza un pacto cos críticos para nomear ao novo secretario de organización

A secretaria xeral de Podemos Galicia asegura que o nome da persoa que substituirá a Juan Merlo anunciarase esta semana

Carmen Santos.LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera Carmen Santos.LAVANDEIRA JR. (EFE)

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, avanzou que o novo secretario de organización que substituirá ao dimisionario Juan Merlo será acordado co sector crítico coa dirección do partido morado galego. 

Así o indicou nunha comparecencia de prensa celebrada este luns en Santiago na que Santos indicou que entre "o mércores e o xoves" será anunciado o nome da persoa que relevará a Merlo, quen renunciou tanto ao seu cargo en Podemos como á súa acta de deputado por En Marea cando saíu á luz que inflara o seu currículo. 

De concretarse o nomeamento desa persoa "de consenso", a dirección de Podemos Galicia lograría aparcar as tensións internas que existían no seo da organización desde a chegada de Carmen Santos á Secretaría Xeral. 

En palabras da tamén deputada de En Marea, o achegamento entre as "sensibilidades" que coexisten no Consello Cidadán Autonómico (órgano máximo de dirección entre asembleas) prodúcese tras a consulta ás bases sobre o modelo de participación do partido nas próximas eleccións municipais, celebrada a finais do pasado mes de marzo. 

Así, indicou que o sector crítico era partidario da disolución "de siglas" dentro do modelo de partido instrumental de En Marea e que interpretaban de forma diferente á liña oficialista a palabra "alianza" con outras forzas de esquerda. 

Agora, segundo Santos, os críticos "teñen claro" que os inscritos "referíanse a coalición", un "marco" que quedou "claro" logo da consulta ás bases sobre as próximas municipalistas, nas que Podemos aposta por que o seu nome figure nas candidaturas de unidade coa excepción daqueles lugares onde existan "marcas consolidadas".

TENSIÓNS INTERNAS. As diferenzas internas en Podemos Galicia estiveron latentes desde incluso antes da elección de Carmen Santos como secretaria xeral, cando o cargo era ocupado polo seu predecesor, Breogán Riobóo. 

De feito, hai un ano foi necesaria a intervención da organización estatal, que enviou a Galicia a Pablo Fernández Alarcón, un dos homes fortes de Pablo Iglesias e membro da executiva nacional, para acougar os ánimos. 

O punto álxido deste enfrontamento produciuse en marzo do pasado ano, cando 18 dos 35 membros do consello cidadán enfrontados á dirección celebraron un encontro en Santiago para aprobar "novos documentos políticos e organizativos" e nomear unha nova executiva na que Ares Jiménez substituía a Juan Merlo á fronte da secretaría de organización. 

Este movemento foi desacreditado horas máis tarde pola dirección do partido a través dun comunicado. Unha semana despois, Santos convocou ao consello cidadán no que Pablo Fernández exerceu de mediador e onde se acordou crear unha "comisión de consensos" para achegar posturas entre as sensibilidades. 

Deste xeito, a xestión da dirección de Carmen Santos do caso de Paula Quinteiro, a deputada de En Marea que se viu envolvida nun altercado coa policía o pasado mes de marzo, serviulle para limar asperezas cos seus críticos, entre os que se atopa a propia Quinteiro e outros dos seus compañeiros no Pazo do Hórreo, como Luca Chao, Pancho Casal ou Marcos Cal.

Comentarios