Segue a investigación da morte da persoa achada nun coche calcinado en Toques

Investigadores no lugar no que apareceu un home calcinado en Toques. ELISEO TRIGO

As pescudas apuntan ao dono do vehículo como a vítima, á espera de que as probas de ADN confirmen a identidade

A Garda Civil prosegue a investigación para esclarecer a morte da persoa achada no interior dun vehículo nunha pista forestal de Toques (A Coruña) polos equipos de extinción dun lume rexistrado na zona o pasado mércores 27 de marzo que afectou a unhas 27 hectáreas.

Segundo manifestaron a Europa Press fontes próximas á investigación, á espera de que conclúan as probas de ADN, as pescudas apuntan a que a persoa falecida sexa o dono do vehículo, un veciño de Sobrado, xa que "os seus familiares bótano en falta" e non se puido contactar con el.

A investigación sobre esta morte mantén todas as hipóteses abertas, incluída a posibilidade de que a vítima falecese de xeito violento. Con todo, as mesmas fontes consultadas insisten en que se trata dunha investigación "bastante complicada", debido ao estado practicamente carbonizado do corpo.

INCENDIO. Ademais, o equipo de incendios da Garda Civil participa nesta investigación que leva a cabo a Comandancia da Coruña e que se atopa baixo segredo de sumario.

Fontes da Consellería de Medio Rural sinalaron a pasada semana que o incendio forestal en Toques produciuse "no mesmo momento" que a explosión do coche, aínda que "non se pode determinar con seguridade" que o lume se iniciase por mor da explosión, "pero foron simultáneos", segundo relataron fontes deste departamento.