Os incendios activos en O Invernadoiro afectan a 100 hectáreas

Indencio forestal que afecta o parque natural do Invernadoiro. BRAIS LORENZO (EFE)

Desde primeira hora da mañá xa se incorporaron medios aéreos ás tarefas de extinción no parque natural

Os dous incendios forestais que están activos desde a tarde do mércores no parque natural do Invernadoiro, en Vilariño de Conso (Ourense), afectan xa a preto de 100 hectáreas, segundo os datos facilitados pola Consellería do Medio Rural. 

Na extinción de ambos os incendios, rexistrados na parroquia de San Mamede de Hedrada, participaron desde o seu inicio o mércores, ao redor das 16,10 horas, un total de 4 técnicos, 30 axentes forestais, 74 brigadas, 32 motobombas, 4 pas, 14 helicópteros e 7 avións. 

No incendio de maiores dimensións, que se sitúa nunha zona inaccesible para os servizos de extinción terrestres, é necesaria a intervención con medios aéreos. Afecta, segundo as estimacións de Medio Rural, a preto de 80 hectáreas. O segundo dos incendios, que se iniciou a apenas 500 metros do primeiro, queimou preto de 14 hectáreas. 

O xoves, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación enviou un amplo dispositivo de medios aéreos e humanos para apoiar aos efectivos galegos na loita contra estes incendios. 

No dispositivo despregado o xoves supuxo a participación de 3 avións anfibios Canadair, de 5.500 litros de descarga, desprazados desde a base de Lavacolla; e un cuarto procedente de Matacán (Salamanca). Tamén un helicóptero Kamov, con capacidade de descarga de auga de 4.500 litros, da base de Ibias (Asturias). 

No dispositivo, e co fin de participar nos labores de coordinación, tamén se incluíu un Avión de Comunicacións e Observación, procedente da base de León, e unha Unidade Móbil de Análise e Planificación, desprazada desde a base de Ourense. 

Ademais, para complementar desde terra o labor de extinción, traballaron na zona do incendio dúas Brigadas de Reforzo contra Incendios Forestais, procedentes das bases de Laza (Ourense) e Tineo (Asturias). Cada unha delas conta con dous helicópteros biturbina con capacidade de descarga de 1.200 litros.