A segunda vida dos traxes brancos dos voluntarios do Prestige

Voluntarios limpando chapapote do Prestige en 2003. ARQUIVO
Veciños do Grove donan ao servizo municipal de emerxencias máis de 200 que gardaban en casa, ademais de patucos e gafas

A onda de solidariedade que estes días percorre o país de punta a punta ante os estragos que está a causar a pandemia do coronavirus é un reflexo da que hai dezaoito anos se desatou tras a catástrofe do Prestige.

O afundimento do petroleiro en novembro de 2002 encheu as costas galegas --tamén de Francia e Portugal-- de chapapote que unha marea de voluntarios, ataviados cuns traxes brancos que contrastaban co negro do fuel, afanouse en contribuír a retirar como boamente soubo ou puido.

E como queira que quen garda sempre ten, como reza o devandito popular, veciños do Grove curtidos na batalla do Prestige souberon darlle unha segunda vida a todo aquel material de protección. Estes días doaron ao servizo municipal de urxencias máis de 200 traxes brancos, patucos e lentes que almacenaban nas súas casas.

O coordinador do servizo municipal de urxencias do Grove, José Antonio Álvarez, explica que fixo un chamamento á doazón deste material para que o persoal sanitario poida facer uso do mesmo. Fíxoo consciente de que o equipamento do que dispoñen non sería suficiente se se chegase a producir un repunte de contagios por Covid-19 no municipio, no que xa se confirmaron catro casos, tres homes e unha muller, todos eles maiores de 70 anos.

O recollido distribuirase entre o persoal do 061 en contacto cos posibles infectados

"Todo o material que se poida doar é ben recibido", sinala Álvarez, que admite que farían falta máis traxes para poder "capear o temporal". O recollido distribuirase de forma fraccionada co persoal do 061 que está en contacto cos posibles infectados. “Oxalá que non nos fagan falta e se poidan doar aos hospitais ou a quen o necesite", di.

O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, agradece a doazón dos veciños e o traballo que están a realizar costureras e voluntarios para seguir confeccionando máscaras e atendendo as necesidades dos veciños con maior risco de contaxio.