Unha sentenza obriga ao alcalde de Xermade a devolver 20.000 euros do seu soldo

Roberto García, sen retribución desde xuño de 2016, cobrou os once primeiros meses do seu mandato

Roberto García, alcalde de Xermade. AEP
photo_camera Roberto García, alcalde de Xermade. AEP

Unha sentenza do xulgado contencioso administrativo número 2 de Lugo obriga ao alcalde de Xermade, o socialista Roberto García Pernas, a devolver os máis de 20.000 euros que cobrou nos seus primeiros once meses de mandato despois de que o xuíz desestimase o recurso presentado polo rexedor contra unha emenda do BNG, que o deixou sen soldo desde o pasado 9 de xuño de 2016.

O pleno ordinario celebrado o citado día incluía un punto no que se propuña a modificación do acordo plenario do 9 de xullo de 2015 —no que se fixou a retribución do alcalde, de 22.400 euros brutos anuais en 14 pagas por unha dedicación parcial— para eliminar as dúas pagas extras que figuraban, pero os nacionalistas presentaron de urxencia unha emenda para pedir a anulación da aprobación do soldo, a cal consideraban "ilegal" por incompatibilidades co seu traballo de funcionario da Xunta, e tamén que García devolvese todo o cobrado ata o momento. A proposta do BNG saíu adiante cos votos a favor do PP. 

Roberto García presentou a continuación unha demanda contra o Concello xermadés para recorrer a proposta aprobada pola oposición, ao entender que era un acordo "irregular e non axustado á lei", por non estar suficientemente xustificada a emenda e a súa urxencia e porque a aprobación podería ser nula de pleno dereito. 

Non o entende así o maxistrado do contencioso administrativo número 2 de Lugo, xa que na sentenza explica que a emenda "estaba correctamente motivada, explicouse no pleno e votouse, resultando aprobada coa maioría por maioría simple".

Desta forma, o maxistrado desestima o recurso presentado por Roberto García respecto da emenda do BNG e imponlle o abono das costas do proceso, fixadas nunha cantidade de 500 euros.

Comentarios