A Consellería de Educación non reducirá o horario lectivo dos docentes, polo menos non sen financiamento estatal. A reunión entre a titular do departamento autonómico, Carmen Pomar
A ampliación do horario lectivo foi unha medida impulsada tanto polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo como polo de Mariano Rajoy a través dun real decreto en todo o Estado e supuxo o paso de 21 a 25 horas en primaria e de 18 a 20 en secundaria. Iso tivo consecuencias tanto nos cadros de persoal dos centros como no día a día da xornada dos docentes.
"A resposta ten que ser contundente", asegurou Suso Bermello (CIG-Ensino) en declaracións a Europa Press tras a reunión. O secretario nacional da central criticou que Educación se "siga mantendo no búnker" e "totalmente pechados a calquera tipo de negociación" a menos que sexa o Goberno central quen sufrague os gastos dun posible incremento docente.
Mentres, desde CC.OO. Ensino, Luz López considerou "unha falta de respecto" que a Xunta se manteña nesa posición, posto que foi "un dos primeiros en tomar medidas de recorte" en todo o Estado e en facelos "efectivos", mentres que no momento da recuperación Galicia vai "a remolque".
Os representantes sindicais incidiron, sobre todo, na importancia de dar unha resposta unitaria, e en que realizarán un chamamento ao profesorado para mobilizarse. Julio Díaz (Anpe) asegurou que están "nunha posición de forza conxunta" para intentar reverter esta situación, "xuntos ata o final", tras 10 anos "de recortes constantes".
Paula Carreiro (Fete-UXT) lamentou a "negativa taxativa" da consellería e defendeu que a reversión do horario non suporía un investimento "demasiado grande" nun momento no que a economía de Galicia está, en teoría, "saneada".
Os portavoces sindicais avanzaron, así, un calendario de protestas que anunciarán esta mesma semana no que se apelará á "unidade" para intentar recuperar este dereito.
Segundo a Xunta, Pomar trasladou esta mensaxe aos representantes sindicais argumentando que sería "unha irresponsabilidade" no actual contexto "de incerteza política e económica" e insistiu en que "a mesma lei que recomenda a redución do horario lectivo apunta a que o Estado facilitará as condicións orzamentarias para que se leve a cabo polas comunidades autónomas".
De feito, Educación censura a "falta de capacidade negociadora do PSOE", ao que culpa da paralización do proceso para chegar a un pacto educativo, que na súa opinión debería ser o contexto no que se debería abordar "cuestións como a do horario lectivo do profesorado".