Só sete dos 313 concellos de Galicia presentan un saldo vexetativo positivo en 2018

Galicia perdeu 15.833 persoas o pasado ano pola diminución de nacementos e un número similar de defuncións
Un señor pasea en una explotación ganadera. SEBAS SENANDE
photo_camera Un señor pasea nunha explotación gandeira. SEBAS SENANDE

Só seis dos 313 concellos de Galicia presentan en 2018 un saldo vexetativo positivo. Son Ames, Arteixo, Barbadás, Poio, O Porriño e Salceda de Caselas. No que respecta aos concellos das sete grandes cidades galegas, todos eles presentan un saldo negativo, segundo a información que publica este mércores o Instituto Galego de Estatística (IGE).

O número de defuncións en Galicia no ano 2018 foi 32.394, valor moi similar ao rexistrado no ano 2017. Por outra banda, o número de nacementos continúa o descenso iniciado no ano 2009 e sitúase en 2018 en 16.561.

O saldo vexetativo ou crecemento natural da poboación calcúlase como a diferenza entre o número de nacementos producidos nun ano e o número de defuncións. A diminución dos nacementos acompañado dunha cifra similar nas defuncións provoca unha nova diminución do saldo vexetativo en Galicia no último ano, que pasa de 13.517 no ano 2017 a 15.833 en 2018. Hai máis de 30 anos que Galicia non presenta un saldo vexetativo positivo.

OUTROS DATOS. O número de nacementos sitúase en Galicia no ano 2018 en 16.561, un 10,2% menos que os rexistrados no ano 2017. O 79,2% dos nacementos do ano 2018 corresponden a nais con residencia nas provincias da Coruña e Pontevedra. Os datos dos nacementos segundo a idade da nai constatan o atraso na idade á que as mulleres galegas teñen os seus fillos. Así, no ano 2018, o 78,2% dos nacementos en Galicia foron de nais de 30 ou máis anos de idade; mentres os nacementos nese grupo de idade representaban hai dez anos o 68,2%.

Os nacementos de nais de 40 e máis anos representan xa o 12,9% do total de nacementos, fronte ao 4,9% do ano 2008. No ano 2018, rexistráronse en Galicia 32.394 defuncións. O 50% das defuncións corresponden a persoas de 85 e máis anos.

A análise da distribución das defuncións en cada un dos sexos permite comprobar que nas mulleres as defuncións prodúcense a idades máis avanzadas que no caso dos homes. No entanto, a maior parte das defuncións prodúcense en idades cada vez máis tardías; o 55,5% dos homes que faleceron tiñan 80 e máis anos e no caso das mulleres a porcentaxe que pertencía a ese grupo de idade era do 77,3%.

MATRIMONIOS. No ano 2018, rexistráronse en Galicia 8.394 matrimonios; 139 do mesmo sexo. Por provincias, A Coruña e Pontevedra foron nas que se rexistraron maior número de matrimonios, 3.939 e 2.734 respectivamente, mentres que en Ourense só se alcanzaron os 697 matrimonios no ano 2018.

Nos matrimonios de diferente sexo pódese comprobar tamén un atraso nas idades ás que os homes e as mulleres casan. Así en Galicia, no ano 2018 o 78,2% das mulleres e o 87,2% dos homes tiñan 30 e máis anos; hai dez anos estas porcentaxes situábanse no 54,2% e no 68,9% respectivamente.