sábado. 05.12.2020 |
El tiempo
sábado. 05.12.2020
El tiempo

A solidariedade axuda a un mozo galego a pagar a multa por comer pistachos

David Perol, en primeiro plano, xunto a un grupo de amigos e compañeiros de clase. CRTVG
David Perol, en primeiro plano, xunto a un grupo de amigos e compañeiros de clase. CRTVG
Un crowdfounding logra os 100 euros que lle impuxeron e unha empresa que comercializa o froito seco ofrécelle subministración gratis por un ano

Paradoxalmente, en tempos de pandemia vírica, a viralidade converteuse na aliada de David Perol, un mozo ao que, a semana pasada, a Policía impuxo 100 euros de multa tras sorprenderlle, segundo el, coa máscara a media hasta cando daba conta dun puñado de pistachos xunto a un amigo. Ademais, agora poderá fartarse deles: unha empresa dedicada a este froito seco ofreceuse a garantirlle subministración gratuíta durante un ano.

Do desconcerto ao alivio. A comunidade universitaria de Santiago, agrupada baixo o lema #TodosSomosPerol, reaccionou de inmediato despois de que, o día 16, David aparecese nos noticieros nacionais expresando o seu estupefacción ante a sanción que lle puxo unha patrulla das que se despregaron pola capital galega para velar polo cumprimento das medidas anticovid, reforzadas ante o aumento dos contagios na cidade e cos estudantes no punto de mira. "Viño un amigo e deunos un par de pistachos. Claramente, baixeime a máscara para comelo e multáronme", declaraba o presunto infractor, natural de Outes. "Eu supuña que a distancia é para fumar, non para comer pistachos", protestaba.

O episodio correu como a pólvora nas redes sociais, un micromundo onde, precisamente, xurdiu a solución para o aperto no que se meteu. "Liberdade para os pistachos, liberdade para Perol. Uns pistachos non fan dano a ninguén, só a quen é alérxico", proclamaba a conta de Instagram @salseo_usc, que organizou unha colecta para recadar os 100 euros da multa. E, en menos dunha semana, o apoio unánime do colectivo de estudantes sacou do apuro ao mozo.

Pero esta non foi a única mostra de solidariedade recibida. Unha empresa produtora de pistachos ofrécelle o aperitivo gratis durante un ano. De feito, xa recibiu unha caixa como mostra. "Dicían que non querían que tivese un sabor tan agridoce", comentou este venres David ás cámaras da TVG.

A solidariedade axuda a un mozo galego a pagar a multa por comer...
comentarios