Sufocan un incendio nunha nave de electricidade en Salvaterra de Miño

Ningunha persoa resultou ferida pero as chamas calcinaron a parte baixa do inmoble

Efectivos dos bombeiros extinguiron na noite do martes un incendio que afectou a unha nave de electricidade situada no Polígono Chan da Ponte, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño. 

Segundo informou o 112 Galicia, ningunha persoa resultou ferida, pero as chamas calcinaron a parte baixa do inmoble onde se atopaban varios camións estacionados, dos cales resultou afectado un deles. 

Foron varios os particulares que, sobre as 21.00 horas do martes, chamaron ao 112 Galicia para alertar do lume e aseguraron que todos os traballadores saíran ao exterior, polo que non había persoas afectadas. 

Así mesmo, indicaron que no soto había varios camións estacionados, diverso material eléctrico e ademais varias naves encostadas, que podían correr risco. 

Tras recibir a chamada de alerta dos particulares, o 112 puxo en marcha un operativo formado polos Bombeiros de Baixo Miño, Ponteareas e a Garda Civil. Así mesmo, informouse o persoal sanitario do 061 e aos membros de extinción dos parques do Morrazo, O Salnés e de Vigo, por se fose necesaria a súa intervención nalgún momento. 

Tamén por parte do 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento do servizo de Medio Ambiente da Xunta. Sobre as 22.45 horas deste martes, os Bombeiros de Baixo Miño confirmaron ao servizo de urxencias a extinción do incendio na súa totalidade, do que se descoñecen, ata o momento, as causas que o orixinaron.