O Supremo eleva a pena a un tenente que obrigou a un subordinado a masturbarse

Fachada da sede do Tribunal Supremo, en Madrid. AEP

A secuencia comezou cunha mensaxe de móbil do tenente pedindo ao soldado unha foto do seu pene, ao que el accedeu debido ás ameazas recibidas

 

A Sala do Militar do Tribunal Supremo elevou a dous anos e catro meses de prisión a pena imposta a un tenente de Infantería de Mariña que obrigou a un subordinado a masturbarse na súa presenza a cambio do pago de 120 euros nunha viaxe a Ferrol. O fallo é resposta a un recurso de casación do acusado que a sala desestima, confirmando a condena por abuso de autoridade con trato degradante a un inferior e aumentando en catro meses de cárcere a condena inicial. 

Segundo a sentenza, o tenente tiña unha imaxe impecable ante os seus superiores pero ofrecía unha dobre cara ante os seus subordinados: frío, distante e esixente en ocasións e con gran "familiaridade, mostras de confianza e afecto" noutras situacións. 

Nun destes contextos, durante unha viaxe a Ferrol, tivo lugar o suceso denunciado por un soldado que deu lugar á condena. Segundo o relato, a secuencia comezou cunha mensaxe de móbil do tenente pedindo ao seu subordinado unha foto do seu pene, ao que o soldado accedeu debido ás ameazas recibidas. 

Este tipo de peticións sucedéronse durante os seguintes días co pretexto de que quería "probas de lealdade". E foron elevando o ton ata que o tenente reclamou ao soldado que se masturbase con el na súa habitación do hotel, chegando a ofrecerlle o pago de 120 euros, aínda que a sentenza di que non está acreditado que finalmente realizase o pago.

PRESIÓN E MEDO. Segundo a condena, o soldado accedeu finalmente a esta petición "atafegado pola presión que estaba a sufrir" e "turbado polo medo que sentía", aínda que pondo as condicións de que a habitación estivese o máis escura posible, que non lle tocase e que non falasen. "A vivencia experimentada (polo soldado) produciulle unha sensación de humillación, vergoña e ansiedade", asegura a sentenza, que constata que compartiu o suceso con varios compañeiros e incluso un superior do tenente. Meses máis tarde o soldado tivo que acudir a urxencias afectado por un ataque de ansiedade polo que estivo de baixa médica máis de dous meses. 

A mesma sentenza relata outro suceso polo que o mesmo tenente cesou no seu cargo a outro subordinado tras unha chamada telefónica na que ouviu de fondo un comentario negativo que fixo a súa noiva polo trato que lle daba.