Suspendido un xuízo contra seis acusados por un tiroteo na entrada do Chuo

Imaxe do tiroteo no Chuo. AEP

A vista tivo que ser aprazada debido á folga de Xustiza

A Audiencia Provincial de Ourense suspendeu sen data o xuízo que estaba previsto desde este martes ata o xoves contra seis acusados de intento de homicidio pola súa implicación nun tiroteo ocorrido na noite do 15 de maio de 2016 nas portas do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuo). En concreto, fontes xudiciais explicaron que a vista oral foi suspendida pola folga que manteñen os traballadores da Administración de Xustiza de Galicia desde hai case dous meses de tal forma que será necesario fixar unha nova data.

No seu escrito, o fiscal acusa os membros dun clan familiar de iniciar, co "fin de acabar coa vida do patriarca do outro clan", un tiroteo contra outra familia. A causa era supostamente o rexeitamento á relación entre a filla dun dos acusados, que foi ese día ao hospital ante a posibilidade de dar a luz, e un mozo do outro bando.

Ademais, sostén que "lonxe de depor a súa actitude", os acusados continuaron "disparando de forma indiscriminada" contra a entrada do hospital, onde a xente se atopaba atemorizada". En total, recolléronse doce casquillos no lugar, ademais dos impactos na porta e fachada do Chuo.

No tiroteo resultou ferida a vítima na cabeza, o pescozo, a cara e o ombreiro dereito, causándolle lesións superficiais. Entón, os investigadores sinalaron que a orixe do tiroteo podería estar nunha relación sentimental non aceptada logo da escisión dun grupo, con vínculos parentais, cuxos integrantes orixinariamente vivían de forma amigable no poboado da Fontela (Maside) ata que chegou o enfrontamento.

Por estes feitos, a Fiscalía imputou a seis membros dun clan, o pai da moza embarazada, o seu irmán e os dous fillos de cada un, para quen o Ministerio Público solicita un total de 63 anos e medio -penas individuais de 10 a 13 anos e medio- polos supostos delitos de intento de homicidio, danos, desordes públicas, tenencia ilícita e atentado.

En total, desde que se iniciou a folga entre os funcionarios de xustiza, os xulgados ourensáns suspenderon, segundo os cálculos dos sindicatos, máis de 1.100 xuízos e vistas orais previstas para estas datas, á espera de chegar a un acordo coa Administración autonómica.