Tania Veiras: "Saio do ximnasio con outra mentalidade"

A cantante é emprendedora de Ordes practica pilates tres días á semana e acode ao ximnasio, onde entrena facendo circuítos de exercicios. A actividade física axúdalle a controlar a ansiedade e a respiración, algo fundamental para a tempada de actuacións nas orquestras
Tania Veiras.EP
photo_camera Tania Veiras.EP

A profesión de cantante de orquestra require unha boa condición física e mental. Iso teno moi claro a polifacética Tania Veiras (Ordes, 1989). Esta artista, que nestes momentos actúa e participa como xurado no programa ‘Xuntos’ da TVG, tamén dirixe a súa propia tenda de roupa online, Sweet Papaya Shop. Para ela, o deporte é un bálsamo contra a ansiedade.

Grande aliado para rectificar a postura, controlar a respiración e combater a dor de espalda, Tania fai pilates de máquina tres días á semana. "Vénme xenial para descontracturarme e acabo con maniotas".

Tras probar o crossfit e o kick boxing, Tania, que é unha asidua do ximnasio, recorre a un entrenador persoal para facer circuítos de exercicios nos que "durante 45 minutos" mantén "as pulsacións arriba". "É coma o crossfit pero sen coller moito peso. Para min, á hora de bailar e cantar na orquestra é mellor isto que facer máquinas, pois controlo ben a respiración", explica esta profesional, que prefire facer deporte cun guía porque lle presta que a leven "ao límite".

Máis que por coidar o físico, a cantante busca o benestar mental que lle produce o deporte. "Séntame moi ben. Iso que din a respecto de que segregamos endorfinas é verdade. Saio do ximnasio con outra mentalidade. Procuro ir máis nos días en que teño máis ansiedade". A única época na que salta estas rutinas é o verán, pois entón toca bailar e cantar a diario "tres horas".

Polos seus problemas dixestivos, esta ordense evita os fritos, a lactosa e o glute. "Se saio comer fóra con amigos, intento adaptarme porque me gusta comer de todo". Malia que se confesa "vaga" á hora de facer de comer, pois prefire deixalo nas mans doutra persoa e "recoller despois a cociña", confesa que a lasaña lle sae "espectacular". "Os meus amigos téñenme dito que é a mellor do mundo", di entre risas.

Comentarios