Teresa Romero: "O máis duro foi que me culpasen do contaxio"

A auxiliar de enfermería de orixe lucense infectada por ébola en 2014 lamenta que en cinco anos ninguén da Administración lle preguntase como está
Teresa Romero. EMILIO NARANJO
photo_camera Teresa Romero. EMILIO NARANJO

Hai cinco anos que se coñeceu o primeiro diagnóstico de ébola en España e a auxiliar de enfermería de orixe lucense Teresa Romero converteuse na primeira infectada fóra de África. Nunha entrevista con Efe, na que rememora o seu particular pesadelo, asegura que o máis duro non foi a enfermidade senón que intentasen culpala do contaxio. 

Varias veces estivo ao bordo da morte durante o mes que permaneceu ingresada no Hospital Carlos III de Madrid, o mesmo no que traballaba como auxiliar de enfermería e no que se contaxiou mentres atendía dous relixiosos españois, repatriados desde o continente africano pola enfermidade. 

"Foi duro, pensaba que ía a morrer e houbo un momento crítico no que incluso lles dixen aos compañeiros que me axudasen a morrer, pero logo xa o que pensaba era saír, saír e saír, a miña idea era esa, era o meu único pensamento", asegura. Hoxe recoñece que saíu e está intentado "pasar páxina" e, dentro do negativo que foi a experiencia, sinala que de todo se aprende. Sobre todo, aprendes a seleccionar, vas deixando atrás o que non che aporta". 

Actualmente traballa na farmacia do mesmo hospital "nun posto adaptado" porque "por saúde laboral" pediu o cambio. "Non quería estar en contacto cos pacientes; cando me reincorporei pasara ano e medio e aínda o tiña recente, tiña moitas secuelas psicolóxicas do vivido", razón pola que estivo recibindo terapia "ata hai pouco", que ela mesma sufragou.

Fisicamente está ben. "Ao principio caeume o pelo e estaba moi cansa pero recupereime bastante ben, estou mellor do que podería pensar".

"Intentamos atender [aos afectados] como mellor soubemos e desafortunadamente tiven un accidente que non sei como sucedeu"

Insiste en que psicoloxicamente "estaba mal", todo lle parecía complicado. "A situación xeroume tristeza, non entendía moitas cousas, estaba moi perdida, sentía moita escuridade", explica. Di que non entendía por que se lle intentou botar a culpa. Para ela, "foi o máis duro" porque "parecía culpable por terme contaxiado, foi todo moi falso, moi inventado para tapar non se que". Afirma que non sabe que puido ocorrer para contaxiarse. "Fallou e punto. Non teño resposta. Se cadra —considera— a medida pertinente a tomar tería sido 'non entro e non me contaxio'". 

Teresa presentouse voluntaria para atender os relixiosos do mesmo xeito que outros compañeiros, algúns dos cales se botaron para atrás" porque "había medo, desconcerto". Non foi o seu caso, ela seguiu adiante sen pensar que podía contaxiarse. E recalca que non se arrepinte. "Fíxeno porque quixen, fixen o que tiña que facer naqueles días, intentamos atendelos como mellor soubemos e desafortunadamente tiven un accidente que non se como sucedeu. Se eu mesma non o sei, ninguén o pode saber, nin ninguén me pode sinalar".

Admite que recordar non lle resulta fácil. "Non son bos recordos, non o contaxio, non a enfermidade, senón o trato recibido; foi a miña lousa". Non se refire só ao exconselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid Javier Rodríguez, a quen demandou por acusala de ocultar información sobre o seu estado de saúde, unha batalla xudicial que perdeu. "El foi un pallaso e dixo unha serie de cousas publicamente que non sei a que viñan". 

"A presión foi tremenda, que me preguntasen, que me coñecese xente que non sabía quen eran"

Romero apunta máis alto. "Un ministro ou un presidente do Goberno, eu vou por aí. Trouxeron os misioneiros e unha persoa contáxiase porque estivo en contacto con eles, entendo que o Goberno tivo que ser moi cuestionado e as declaracións teñen que saír de aí". "¿E como me desacreditan? Pois botándome a culpa e é así como eu o vivín", sentenza.

Durante os 30 días que permaneceu hospitalizada, 25 dos cales estivo illada, non lle permitiron ter teléfono nin ver a televisión, polo que non foi consciente do impacto mediático que o seu caso xerou (foi portada de xornais e abriu informativos).  Púidoo comprobar ao abandonar o hospital. "A presión foi tremenda, que me preguntasen, que me coñecese xente que non sabía quen eran".

Durante moito tempo non collía o teléfono, non quería falar con ninguén. "Vía que o que se estaba contando non era o que eu estaba a vivir. E pensaba ¿para que vou falar? Parecíame absurdo". 

Xa pasou moito tempo e Teresa Romero lamenta que non a chamaron para preguntarlle como está ou simplemente "comentar o ocorrido". "Ninguén da Administración, ninguén que estea nos despachos. En cinco anos, silencio absoluto".

Comentarios