Traballadores, veciños e políticos emprenden unha marcha polo futuro de Alcoa

Llegada de los manifestantes a la Praza do Concello de Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Unhas 150 persoas participaron na manifestación, que comezou en Cervoe terminou en Burela

Unhas 150 persoas participaron este luns na marcha que partiu da planta de Alcoa, no municipio de Cervo, e terminou na Praza do Concello de Burela, para pedir medidas que favorezan a supervivencia das fábricas que a multinacional ten en Galicia –A Coruña e Cervo– e Asturias.

Nesa marcha, ademais de traballadores e representantes sindicais, participaron tamén representantes políticos da Mariña.

O presidente do comité de empresa da factoría de Cervo, Xosé Paleo (CIG), recoñeceu que os empregados dese centro de traballo non están "para nada" tranquilos, a pesar de que o anuncio de peche por parte de Alcoa só lle afecta ás plantas de Avilés e A Coruña.

De feito, en declaracións aos medios de comunicación subliñou que a "dirección" busca con esta estratexia "dividir" aos propios traballadores, pero "posiblemente, nun futuro curto, se non se soluciona o problema da enerxía", o persoal de Cervo podería estar "a vivir unha situación parecida".

No manifesto que leron na Praza do Concello, os representantes sindicais solicitaron un prezo da enerxía xusto e competitivo a nivel europeo, dado que as fábricas que Alcoa ten en países como Noruega ou Islandia conseguen a subministración cunha tarifa "tres veces máis barata" que os centros de España.

De feito, recordou que unha das plantas da multinacional en Noruega é rendible, a pesar de que ten a mesma tecnoloxía que a fábrica de Alcoa na Coruña.

"O problema é a enerxía", insistiu Paleo, porque se está "cobrando a produción das hidroeléctricas e das centrais nucleares" ao mesmo prezo que a enerxía que se produce en plantas que usan gas.

Por iso, afirmou que calquera medida que contribúa a fixar un prezo da enerxía asumible para que Alcoa siga funcionando durante moitos anos, será "ben recibida".