O TSXG condena ao Estado a indemnizar con 11.640 euros a un recluso agredido en Teixeiro

Os xuíces conclúen que a agresión se produciu "pola omisión das medidas adecuadas" que o agresor "merecía"
Los pasillos de Teixeiro
photo_camera Os corredores de Teixeiro. EP

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Estado, a través da Dirección Xeral de Institucións Penais, como responsable civil ao pago dunha indemnización de 11.640 euros a un recluso que foi agredido por outro preso no cárcere de Teixeiro no ano 2016.

Segundo informou o TSXG, na resolución de primeira instancia o sospeitoso foi castigado con tres anos de cárcere por propinar unha "fortísima puñada" na cara ao seu compañeiro cando lle esixiu "de malos modos" que lle deixase sitio nun banco.

A consecuencia do golpe, a vítima sufriu unha fractura na mandíbula e a perda de varias pezas dentais, polo que o procesado foi condenado a indemnizala con 11.640 euros. Nese momento, a Audiencia Provincial da Coruña absolveu á Dirección Xeral de Institucións Penais de responder subsidiariamente desa suma.

Con todo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considera que o acusado, no momento dos feitos, presentaba un "trastorno explosivo intermitente da personalidade" e un "trastorno adaptativo con alteración mixta das emocións e do comportamento".

O TSXG considera que esta circunstancia "debeu ser debidamente detectada polos servizos penais correspondentes" xa que "entraña inequivocamente unha situación de risco".

"QUEBRANTOU" OS SEUS DEBERES. Ante estes feitos, o alto tribunal galego considera que a Administración "si quebrantou os especiais deberes impostos pola normativa" xa que "a debida observación do interno" e o "risco" da "súa especial condición psíquica" debeu ser "oportunamente ponderado" para determinar un "maior illamento" ou establecer "unhas medidas de seguridade" oportunas.

Por iso, os xuíces conclúen que a agresión se produciu "pola omisión das medidas adecuadas que a observación e a cualificación do agresor merecía", polo que se puido falar de infracción regulamentaria".

Con todo, o TSXG rexeitou o segundo motivo do recurso presentado pola acusación particular, que demandaba unha maior indemnización porque aseguraba que a sentenza apelada "valora adecuadamente as lesións e secuencias que afectan á vítima dos feitos axuizados".

Comentarios