O TSXG rexeita rebaixar os servizos mínimos para o persoal do 061 en folga 

Imaxes da folga do 061. TWITTER

Segundo o Alto Tribunal, unha minoración do servizo "implica desatender parte das urxencias vitais en materia de saúde" con consecuencias "directas" na vida das persoas

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou rebaixar os servizos mínimos decretados para os traballadores do Grupo Norte na folga do 061, así como para o persoal estatutario ao considerar que tería "consecuencias directas" na atención das urxencias. 

O alto tribunal galego emitiu este xoves senllos autos nos que rexeita os recursos presentados pola Confederación Intersindical Galega (CIG) contra estes servizos mínimos decretados pola Consellería de Sandidade e publicados o pasado 31 de xullo. 

Así, a CIG interpuxo un recurso contra os servizos mínimos para o que o TSXG considera que "non hai lugar" á " medida cautelarísima" polo sindicato nacionalista.

En concreto, nun dos autos rexeita rebaixar ao 80% os servizos mínimos do persoal dependente do Grupo Norte que presta o servizo de operación telefónica na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, un número que o TSXG sinala como "a única entrada para a solicitude telefónica de atención sanitaria urxente".

Deste xeito, o TSXG rexeitou a modificación dos servizos mínimos marcados pola Xunta —o cento por cento dos efectivos sanitarios e o vinte por cento do persoal administrativo—. Segundo o Alto Tribunal, unha minoración do servizo "implica desatender parte das urxencias vitais en materia de saúde" con consecuencias "directas" na vida das persoas.

Ademais, tamén desestima a petición de rebaixar os determinados para o persoal estatutario, unha decisión que ten lugar despois de que o pasado día 1 de agosto o TSXG xa rexeitase a urxencia do recurso presentado pola CIG contra os servizos mínimos decretados pola Xunta para estes traballadores.