Unha alarma por escape de gas provoca o desaloxo dun colexio na Peroxa

As medicións deron negativas e, logo de ventilar o centro, os alumnos puideron volver ás aulas

O colexio CEIP Roberto Blanco Torres, situado na parroquia de Graíces, da localidade ourensá da Peroxa foi evacuado na mañá deste mércores debido a unha alarma de escape de gas.

Segundo informou o 112 Galica, en total foron desaloxados do centro 18 estudantes. Un dos responsables do colexio chamou ao servizo de urxencias ás 11.00 horas para informar de que detectaran un forte cheiro e que crían que se trataba dun escape de gas.

Segundo engadiu, xa procederan á evacuación e á ventilación do edificio.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou ao GES do Pereiro de Aguiar, a Protección Civil e á Garda Civil. A situación tamén foi posta en coñecemento da compañía subministradora do gas.

Segundo indicaron os efectivos do GES ao 112, todas as medicións deron negativas. Así, logo de ventilar o centro, os alumnos puideron volver ás aulas.

Comentarios