Vigo acollerá este xoves unha manifestación "pola dignidade da Atención Primaria"

Os líderes da oposición a Núñez Feijóo participarán ás oito da tarde nesta mobilización

Manifestación a favor da sanidade pública. ÓSCAR CORRAL (EFE)
photo_camera Manifestación a favor da sanidade pública. ÓSCAR CORRAL (EFE)

Un colectivo de profesionais sanitarios de Atención Primaria da área de Vigo convocou para este xoves unha manifestación baixo a lema 'Pola dignidade da Atención Primaria' que sairá ás 20,00 horas da PAC -situado no antigo Hospital Xeral- e percorrerá a rúa Pizarro ata a praza de España, baixará a Gran Vía e despois Urzáiz ata a rúa do Príncipe. 

Esta mobilización, apoiada por multitude de colectivos e asociacións profesionais como o Colexio de Médicos, xorde por mor da dimisión en bloque de 22 xefes de servizo e de unidade de Atención Primaria de todo a área sanitaria de Vigo, á que xa se sumaron outros tres facultativos.
 
En total, a día de hoxe, dimitiron 25 dos 31 xefes de Primaria alegando a "sobrecarga", "saturación" e "falta de material" coa que teñen que lidar nas súas consultas. "Estivemos organizando as carencias da sanidade pública, pero non se pode organizar a miseria", asegurou Luciano Garnelo, do centro de saúde Pintor Colmeiro, cando presentaron as dimisións o pasado día 10. 

Toda a oposición ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo participará na manifestación. Luís Villares de En Marea, Gonzalo Caballero do PSDEG e Ana Pontón do BNG confirmaron a súa presenza na mobilización que tamén contará cos médicos da PAC de Vigo, que levan un ano reivindicando a "saturación" deste servizo de urxencias extrahospitalarias. 

Todos os sindicatos con representación na área sanitaria de Vigo apoian a mobilización deste xoves, do mesmo xeito que mostraron o seu respaldo ás dimisións dos xefes de servizo. Entre as súas demandas está a recuperación das "estruturas de xestión" de Primaria e o aumento do orzamento de tal forma que se ofrezan contratos estables a máis médicos.

Comentarios