As vítimas que deixa a pandemia da covid-19 en Galicia eleváronse este domingo a 1.069, tras falecer nas últimas horas sete persoas diagnosticadas de coronavirus. De todas elas, cinco eran usuarias de residencias de anciáns.
Segundo informa a Consellería de Sanidade, tres destas mortes producíronse no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF). Trátase dunha muller de 97 anos, residente no xeriátrico San José de Narón; e outras dúas mulleres, de 90 e 89 anos, que procedían da residencia As Fragas de Pontedeume.
Tamén faleceu diagnosticada con covid-19 unha muller de 95 anos, usuaria de DomusVi Ribadumia, que estaba ingresada no Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa.
Ademais, a área sanitaria ourensá reportou a morte dun home de 94 anos con coronavirus que permanecía no seu domicilio no municipio da Rúa, mentres que o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) rexistrou o falecemento dunha usuaria da residencia Nosa Señora dos Miragres de Barbadás que tiña 85 anos.
O sétimo dos falecementos notificados este domingo produciuse no Hospital Lucus Augusti (Hula) de Lugo e correspóndese co dun home de 93 anos.