Xa son 758 os afectados pola explosión do almacén de pirotecnia
A deflagración acabou coa vida de dúas persoas, causou 37 feridos, destruíu 31 vivendas e causou danos en 290
A explosión dun almacén ilegal de material pirotécnico na parroquia de Paramos, no municipio pontevedrés de Tui o pasado día 23, no que morreron dúas persoas, suma xa 758 afectados, segundo datos achegados polo Concello.
A deflagración, que deixou ademais 37 feridos, xerou danos en 290 vivendas da zona, das que 31 quedaron completamente destruídas, e en 57 vehículos.
Así o indican as cifras rexistradas polo centro habilitado no citado municipio para atender ás vítimas tras a explosión, que examina 364 expedientes de incidencias dos 758 damnificados.
Por outra banda, o Concello de Tui informa de que os traballos de peritación técnica e económica por parte de especialistas continúan na zona, onde se mantén a restrición de acceso por motivos de seguridade.
O Concello de Tui abordará en sesión plenaria esta tarde a solicitude ao Goberno central de declarar a zona como gravemente afectada por unha urxencia de protección civil, tal e como acordou a xunta de portavoces.
Na sesión plenaria tamén está previsto habilitar unha partida de millón de euros con cargo ao remanente de tesourería para o fondo de urxencia.
A xunta de portavoces do Concello encomendou, ademais, un informe dos servizos sociais sobre as familias que necesitan reacollerse ou trasladarse a vivendas municipais situadas en Caldelas.
En caso afirmativo, os inmobles serían rehabilitados pola vía de urxencia.
Esta semana serán un total de sete o número de familias recolocadas.