Un xulgado de Vigo autoriza o enterramento do bebé falecido nun parto domiciliario

Ata o momento, non hai ningunha persoa investigada xudicialmente por esta causa

O xulgado número 4 de Vigo autorizou o enterramento do bebé que faleceu nun parto domiciliario, que fora solicitado polos pais, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O xulgado vigués recibiu o informe preliminar da autopsia do menor falecido durante o parto este mércores e fontes do TSXG confirmaron a Europa Press que, ata o momento, non hai ningunha persoa investigada xudicialmente por esta causa.

O falecemento produciuse o pasado luns en Vigo. O Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) remitiu un informe ao xulgado, como é habitual nestes casos, e o Sergas confirmou que o menor morreu fóra do centro hospitalario público. Pola súa banda, o 061 ratificou que enviou dúas ambulancias ao domicilio destes pais, unha medicalizada e outra asistencial, que trasladaron á nai, T.M.D., de 33 anos de idade, e ao menor ata o HAC.

Nun principio, o informe do hospital chegou ao xulgado número cinco de Vigo, que estaba en funcións de garda. Pero segundo informaron desde o TSXG, este inhibiuse ao xulgado número catro porque era o que estaba de garda na data na que ocorreron os feitos.

Por mor do ocorrido neste parto domiciliario o Sergas recordou a necesidade de acudir a todos os controis sanitarios durante o embarazo e que a seguridade nos partos está "plenamente garantida" nos hospitais públicos. Así mesmo, destacou a importancia de que todos os partos sexan atendidos "por profesionais sanitarios capacitados".

Do mesmo xeito, o Consello Xeral de Enfermería alertou de que "os partos cunha doula e sen matrona supoñen unha ameaza para a vida das embarazadas e os seus bebés". E desde a Asociación Galega de Matronas pediron "sororidade" con esta nai e "respecto" en relación ás decisións tomadas por esta familia.