A Xunta activa as paradas seguras nocturnas en buses interurbanos de 85 concellos
O servizo ten como beneficiarios ás mulleres, ás persoas maiores, aos menores que viaxen sós e aos viaxeiros con mobilidade reducida
A Xunta anunciou que activa as 'paradas seguras' en horario nocturno nos servizos de autobús interurbano en 85 concellos da Comunidade.
Aínda que o plan de transporte público de Galicia –que comezará a funcionar o mes de agosto– permitirá que se poñan en marcha estas paradas en case 2.000 liñas, o Goberno galego trasladou ás empresas concesionarias unha proposta de protocolo para que poidan pór en marcha xa estas iniciativas.
Deste xeito, tal e como informou a Consellería de Infraestruturas, "oito empresas xa comunicaron a adhesión a este protocolo e trasladaron que teñen servizos na franxa comprendida entre as 22.00 e as 7.00 horas".
A medida "contempla como beneficiarios ás mulleres, ás persoas maiores, aos menores que viaxen sós e aos viaxeiros con mobilidade reducida". O plan tamén prevé "o funcionamento de varias liñas con horarios nocturnos adaptados ás quendas de determinados grandes centros de traballo".
Así, o departamento autonómico manifestou que a Xunta "continúa avanzando no proceso de renovación do mapa de servizos do autobús interurbano de Galicia mediante unha planificación que culminará este ano".