A Xunta convoca os alcaldes para abordar a prolongación da Vía Ártabra á AP-9

O goberno galego sinala que se trata de "unha obra fundamental para a mobilidade, a competitividade e a seguridade viaria"

A Consellería de Infraestruturas da Xunta convocou aos alcaldes da comarca da Coruña a unha reunión a próxima semana para abordar conxuntamente a situación en torno ao proxecto de prolongación da Vía Ártabra ata a autoestrada AP-9.

Esta actuación proxectada pola Xunta de Galicia, consistente en conectar a AP-9 coa estrada nacional VI a través da Vía Ártabra, "é unha obra fundamental para a mobilidade, a competitividade e a seguridade viaria", informou a Xunta que, ademais, prevé un investimento de 35 millóns de euros.

O Goberno galego confirma que xa finalizou o proxecto construtivo da actuación e atópase en disposición de licitar as obras “unha vez que dispoña da necesaria autorización do Ministerio de Fomento, como administración titular das das estradas afectadas, a N-VI e a AP-9”.

A Xunta fai responsable a Audasa do bloqueo da autorización por parte do Ministerio polas alegacións formuladas pola concesionaria “motivadas unicamente polo seu interese económico”. 

Comentarios