A Xunta destinará 2 millóns de euros ao dragado do porto de Mirasol en 2024

As actuacións na ría de Ribadeo execútanse cíclicamente para garantir a continuidade na operatividade do tráfico portuario na infraestrutura ribadense, fundamental para o desenvolvemento comercial da Mariña e a provincia
Vista aérea del Porto de Mirasol, en Ribadeo. JOSÉ Mª ÁLVEZ/AEP
photo_camera Vista aérea del Porto de Mirasol, en Ribadeo. JOSÉ Mª ÁLVEZ/AEP

A Xunta de Galicia contempla nos presupostos para 2024 actuacións en portos de toda a provincia que chegarán, de forma conxunta, ata os 4 millóns de euros dentro dun plan plurianual que subirá ata os 14 millóns. O investimento máis importante no ano que vén farase precisamente no lugar desde onde o conselleiro de Mar, Afonso Villares, debullou as obras a executar. Será no porto comercial ribadense de Mirasol e consistirán nun novo dragado cun orzamento de 2 millóns de euros.

A execución do dragado de Mirasol é fundamental para o desenvolvemento do porto comercial de Ribadeo e para poder manter o seu tráfico portuario, posto que o aumento da sedimentación de area na canle de acceso ao porto pode pór en perigo incluso a posibilidade de que os mercantes cheguen ao propio peirao por falta de calado.

Por este motivo, os dragados na ría de Ribadeo execútanse cíclicamente, para así poder garantir a continuidade da súa operatividade, que é fundamental non só para Portos de Galicia, senón para o propio concello de Ribadeo e ata para a factoría de Ence en Navia, pois utiliza estas instalacións como punto prioritario desde onde recoller e entregar mercancía.

En canto á tramitación das obras -con carácter plurianual- atópase practicamente finalizada. Afonso Villares indicou que as previsións do seu departamento é que poidan comezar este mesmo ano.

Nunha primeira fase, esta actuación que actualmente está en proceso de licitación incluirá o dragado de mantemento da canle de acceso, os peiraos comerciais e a dársena pesqueira.

A tramitación contempla o dragado de mantemento durante catro anos.

A actuación principal será o dragado de 139.335 metros cúbicos de material na dársena pesqueira, o peirao comercial de Mirasol e a canle de acceso. Este volume corresponde a 128.299 metros cúbicos de material medido nos perfís da batimetría do proxecto, máis 11.036 metros cúbicos de material que se estima que se depositará ata o momento previsto de inicio de execución das obras.

Trátase dunhas obras fundamentais para conservar a operatividade do porto comercial ribadense, aínda que estas afectan á dársena pesqueira de Ribadeo, que se atopa en pártea sur do dique ribadense.

O obxectivo desta actuación é similar ao de dragados anteriores, manter a operatividade e seguridade do porto, sometido a unha intensa actividade sedimentaria que produce a redución de calado en varias zonas do mesmo. Para conseguilo, Portos proxecta un dragado plurianual que consiste nunha actuación inicial e tres máis de mantemento a executar en exercicios posteriores.

Dragados entre 2004 e 2010 

As últimas accións de dragado no ámbito de actuación desenvolvéronse nos 2004, 2008 e 2010, resultando novamente necesario nestes momentos acometer unha actuación deste tipo, conxuntamente coa mellora de operatividade da dársena deportiva

Outros investimentos na Mariña

Villares detallou que, ademais de en as melloras no peirao ribadense, a Xunta prevé un investimento de ata 4 millóns de euros o próximo ano en A Mariña.

Polo que respecta a Burela, o reforzo do dique de abrigo, pendente de saír a licitación, conta cunha anualidade orzamentaria para 2024 de 830.000 euros.

Para o municipio de Viveiro contémplanse dúas actuacións portuarias, a ampliación das instalacións para embarcacións menores en Celeiro, cun orzamento estimado para 2024 de 650.000 euros; e o reforzo do dique de abrigo, tamén do porto de Celeiro, cuxa tramitación previa contará con 30.000 euros no próximo exercicio.

Para o porto de San Cibrao, a Xunta contempla nos orzamentos un investimento de 350.000 euros o próximo ano, que permitirán executar a obra de acondicionamento do local de armadores.

Finalmente contémplanse partidas de menor importe para outras actuacións que se atopan polo momento en fases máis iniciais. é o caso da mellora do abrigo cun contradique no porto de Morás, en tramitación ambiental, e para que o Executivo autonómico dirixe 121.000 euros de face ao ano que vén; e a remodelación da dársena deportiva de Foz, aínda en fase preliminar, que conta cunha anualidade de 30.000 euros.

Ademais, Portos de Galicia reforzará os seus proxectos de face a 2024, nun exercicio no que o conxunto da Xunta de Galicia mobilizará máis de 2.800 millóns de euros en investimentos. Esta cantidade elévase un 2,4 % sobre a do presente ano e sitúa o esforzo investidor autonómico nesta lexislatura por arriba dos 10.500 millóns de euros.

Esforzo investidor

Portos de Galicia constitúe un dos principais artífices da execución de obras da Consellería de Mar. Esta cantidade elévase un 2,4% sobre a do presente ano e sitúa o esforzo investidor autonómico nesta lexislatura por encima dos 10.500 millóns de euros.

Villares destacou que os orzamentos para 2024 do Executivo galego son os máis elevados da historia da comunidade, con 13.257 millóns de euros, e alcanzan un gasto social nunca visto, pois a sanidade, educación, políticas sociais e emprego destínanse case tres cuartas partes do total. Son unhas contas que benefician a todos os galegos ao incluír e consolidar rebaixas de impostos e que, por primeira vez en 16 anos, non recorren ao endebedamento.

Villares subliñou que os Orzamentos, ademais, reforzan as rebaixas fiscais, sendo Lugo a provincia con máis investimento por habitante, con 5.568 euros per cápita, para favorecer o equilibrio territorial.

Comentarios