A Xunta Electoral desestima a denuncia do PP ao BNG por anuncios en Facebook

Non aprecia ningunha infracción da lei electoral por parte da formación nacionalista
Aplicación de Facebook nun iphone. PIXABAY
photo_camera Aplicación de Facebook nun iphone. PIXABAY

A Xunta Electoral de Galicia anunciou este martes a desestimación dunha denuncia efectuada polo PPdeG contra o BNG pola contratación de insercións publicitarias en Facebook relativas á sentenza pola condena de Audasa a devolver peaxes da AP-9 e a unha manifestación feminista en Verín. "As actividades denunciadas integran plenamente o contido das que cabe cualificar como ordinarias dun partido político, polo que non se aprecia ningunha faceta que infrinxa a normativa electoral e que poida fomentar unha resolución estimatoria da denuncia", recolle a Xunta Electoral na súa resolución.

O PPdeG ten agora marxe ata as 11.00 horas do 11 de marzo para interpor un recurso ante a Xunta Electoral Central. A formación conservadora había aducido que o BNG incumpriría dous artigos da Lorex ao pedir o voto fose do período habilitado para ese efecto, aínda que a Xunta Electoral entende que os anuncios non estaban a pedir o voto.

"É práctica habitual dos partidos no pluralismo dunha sociedade democrática pronunciarse sobre procedementos xudiciais con transcendencia social, como é o caso das peaxes na autoestrada AP-9 e o seu tratamento por parte de Audasa", detalla a Xunta Electoral.

Do mesmo xeito, entende que caben "parecidas consideracións" no caso da "convocatoria do exercicio ao dereito fundamental de reunión consistente na manifestación celebrada en Verín".

O BNG atribuíra no seu momento esta denuncia a un "cabreo" do PPdeG tras recibir outra denuncia por utilizar o logotipo da Xunta de Galicia de forma reiterada nun vídeo e que levou á Xunta Electoral de Galicia a reclamar a modificación do mesmo ou a súa retirada. 

Comentarios