A Xunta estende o bono turístico a toda a poboación

Ofrecerá tres tipos, cos que asume o 60% do custo dos servizos
undefined
photo_camera Turistas. ARQUIVO

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, detallou este xoves a decisión de ampliar a toda a poboación o bono turístico #QuedamosEnGalicia, que na súa primeira edición beneficio a persoal sanitario e sociosanitario. O obxectivo é mobilizar ao redor de 6,8 millóns de euros no sector turístico e favorecer a súa reactivación. 

Con ese fin, a segunda convocatoria do bono abrirase a todos os cidadáns maiores de idade empadroados nalgún concello galego, sempre que non sexan beneficiados na convocatoria de 2020. A Xunta asumirá o 60% do custo dos servizos consumidos e os particulares o 40%. 

Outra das novidades é que haberá tres tipos de bonos: un de 250 euros —150 abonados pola Xunta e 100 polos beneficiarios—; outro de 375 euros —225 achegados pola Xunta e 150 polos particulares—, e o terceiro de 500 euros —cunha repartición de 300 e 200, respectivamente—. Só se poderá solicitar un bono por persoa, entre un dos tres tipos. 

Coa previsión de que a finais do mes de marzo se faga pública a convocatoria do bono e se abra o prazo para a adhesión das empresas, Feijóo destacou que a data límite para o seu uso será o 15 de decembro de 2021, concedéndose exclusivamente por orde de entrada de cada solicitude. 

O titular da Xunta recordou a boa acollida que o ano pasado tivo a primeira convocatoria do bono turístico, dirixida ao persoal sanitario e sociosanitario. Así, case 20.000 persoas destes colectivos puidéronse beneficiar do bono, 560 empresas e establecementos adheríronse á iniciativa e xerouse un investimento público de preto de 5 millóns de euros.

Comentarios