lunes. 21.06.2021 |
El tiempo
lunes. 21.06.2021
El tiempo

Xunta e Fegamp alcanzan un acordo para o financiamento dos GES de 2019 a 2021

As administracións locais financiarán un 47,5%, mentres que o ente autonómico farase cargo do 52,5

A Xunta e a Federación Galega de Municipios (Fegamp) alcanzaron este xoves o acordo sobre o financiamento e as funcións dos Grupos de Urxencia Municipais (GES) para o período de 2019 a 2021, de modo que as administracións locais (Deputacións e Concellos) financiarán o 47,5% e o goberno galego o 52,5%

Así o informou a Consellería de Presidencia, tras a reunión da Comisión de Seguimento dos GES á que acudiron a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor e o presidente da Fegamp, Alfredo García, ademais de representantes das Deputacións provinciais.

A directora xeral, Marta Fernández-Tapias, puxo o acento en que o acordo reflexa "o compromiso do Goberno galego no ámbito das urxencias", co financiamento duns servizos de urxencias que "non son competencia da Xunta senón propios dos concellos e das Deputacións", pero que o goberno galego considera "necesarios" e contribúe ao seu financiamento desde que se crearon en 2013.

O acordo sinala que a participación das distintas administracións que financian os Grupos de Urxencias Supramunicipais (GES) repártese de modo que as administracións locais (Deputacións e Concellos) asumen o 47,5% e a Xunta o 52,5%. No caso do financiamento local, os entes provinciais faranse cargo dun 40% e os concellos dun 7,5%.

O GES comezou a funcionar na comunidade no 2013, complementando "un novo mapa de urxencias que cobre todo o territorio galego e ofrece unha resposta áxil e eficaz a todos os cidadáns", destaca a Xunta. A súa posta en marcha foi acordada entre a administración autonómica, Deputacións e Concellos. l goberno galego encárgase ademais da formación do persoal na sede da Academia Galega de Seguridade Pública na Estrada.

Desde a Fegamp, o seu presidente Alfredo García mostrou a súa satisfacción polo acordo. "Estamos satisfeitos desde a Fegamp de que quede resolto definitivamente o tema do GES, xa que é un servizo tremendamente necesario e ademais imprescindible para completar o mapa de urxencias de Galicia", explicou.

O presidente do ente municipal, nun comunicado, tamén asegurou que "este foi un arduo proceso no que a Fegamp leva traballado arreo pola continuidade dos GES coa celebración de diferentes reunións nos últimos meses coas Deputacións, e tamén cos Concellos que contan con estes grupos, para achegar á comisión de seguimento propostas de consenso".

En canto ao financiamento, será aumentada ata os 280.000 euros ao ano por cada GES, precisa a Fegamp, dos que en concreto a Xunta asumirá un 52%. En canto ás funcións, o responsable da Federación de municipios expresou a súa conformidade co novo texto.

"Alegrámonos do acordo alcanzado en canto ás funcións que desempeñarán, xa que penso que o novo texto aclara e concreta moito mellor as tarefas que poderán e deberán realizar para os seus municipios", agregou.

En todo caso, a Fegamp instou aos servizos xurídicos da Xunta a traballar de forma acelerada para asinar o novo convenio de colaboración antes do fin de 2018, que é a data na que se extingue o convenio vixente para estes grupos.

Xunta e Fegamp alcanzan un acordo para o financiamento dos GES de...
comentarios