A Xunta fará campaña contra a violencia sexual en festivais musicais

"Estaremos en distintos festivais con presenza de tótems e un decálogo contra a violencia sexual" en zonas de ampla visibilidade, indicou a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella

Mascota do Festival de Cans. ADP
photo_camera Mascota do Festival de Cans. ADP

A Xunta anunciou este mércores unha campaña que se levará a cabo nos principais festivais musicais de Galicia para sensibilizar e evitar agresións sexuais contra as mulleres, como parte dunha estratexia que inclúe ademais a promoción dunha decena de eventos en Galicia.

"Estaremos en distintos festivais con presenza de tótems e un decálogo contra a violencia sexual" en zonas de ampla visibilidade, indicou a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, na presentación da iniciativa xunto ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, organizadores de festivais e músicos, no complexo da Cidade da Cultura.

López Abella sinalou a súa intención de aproveitar "a ocasión en distintos escenarios de festivais para proxectar vídeos" da campaña titulada Agresión off de prevención contra a violencia de xénero, ademais de distribuír camisetas coa lema da campaña e o decálogo con normas e consellos.

"Nada xustifica unha agresión. Nin o xeito de vestir nin a exhibición do corpo. Absolutamente nada", comentou a representante da Xunta, quen subliñou que a violencia sexual é un delito, e apuntou que "sen consentimento non é unha relación, é unha agresión".

Observou que as mulleres "sofren en maior medida abusos e agresións machistas, físicas ou verbais, que non debemos consentir entre todos e todas" e fixo un chamamento ao civismo para que os festivais musicais e os espectáculos en xeral "sexan lugares seguros para todas as mulleres".

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, que presentou a iniciativa Fest Galicia, que inclúe de momento a dez festivais musicais "profesionais", avogou por contribuír a que mostren "valores que posibiliten mellorar progresivamente a oferta e calidade deste tipo de actividades" e a mellorar "colectivamente a xestión e organización".

Rodríguez mostrou a súa vontade de axudar a artistas e creadores, pero tamén aos organizadores a mellorar "a especialización, incrementar a captación de público" e "impulsar valores fundamentais" para a sociedade como a igualdade de xénero.

Comentarios