sábado. 24.07.2021 |
El tiempo
sábado. 24.07.2021
El tiempo

A Xunta insta o Goberno a concretar a interrumpibilidade como "comezo da solución" para Alcoa

Francisco Conde. VICTORIA RODRÍGUEZ
Francisco Conde. VITORIA RODRÍGUEZ

Conde tamén pide á multinacional que "para poder establecer un marco de negociación" retire o Ere

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, pediu ao Goberno central que "ten que dar respostas concretas" sobre o marco de interrumpibilidade –sistema de poxas que permite que as empresas que máis electricidade consomen reciban unha retribución a cambio da súa dispoñibilidade para desconectarse da rede en casos de urxencia– para este ano e 2019 como "o primeiro paso que ten que dar" o Executivo de Pedro Sánchez e "comezo da solución" para o conflito en Alcoa. 

Conde considera que "para poder establecer un marco de negociación" Alcoa "debe de retirar o Ere" e o Goberno aclarar o sistema de interrumpibilidad, pois ese é "o comezo das negociacións e da solución para que Alcoa poida ter esa actividade industrial". 

Así o afirmou este martes en Santiago a preguntas da prensa tras participar na presentación da primeira incubadora de empresas especializada en biotecnoloxía en Galicia. 

"Imos intentar concretar o que tanto Alcoa como o Goberno teñen para dar unha solución á situación e á continuidade da actividade empresarial", apuntou o conselleiro en relación á reunión deste martes en Madrid entre Xunta, Principado de Asturias, compañía e traballadores tras o anuncio da multinacional do peche das plantas da Coruña e Avilés –que contan con preto de 700 traballadores–.

Por iso, remarca que "o Goberno ten as competencias en materia de política enerxética", mentres que a empresa ten unha traxectoria en Galicia cun "compromiso claro adquirido cos propios traballadores e a comunidade", polo que agarda que se poña sobre a mesa un marco eléctrico que dote á compañía das "garantías para a continuidade da súa actividade". 

"Durante estes anos sempre houbo un acordo entre o Goberno e Alcoa para dar continuidade á actividade industrial e durante todos estes anos sempre foi quen de establecer ese marco eléctrico que caracterizase o acceso a un prezo competitivo á enerxía", recorda. "Non vemos que haxa ningún cambio que nos faga pensar que non se pode alcanzar ese acordo", agrega. 

Neste sentido, incide no "obxectivo moi claro" para defender os postos de traballo e a actividade industrial, á vez que resalta a "alianza" con Asturias para este fin. 

A Xunta insta o Goberno a concretar a interrumpibilidade como...
comentarios