Xuntos Actúa denuncia ante a Fiscalía a Vox por "fascista" e "incitar á violencia"
A formación, expresión galega do proxecto de Baltasar Garzón e Mayor Zaragoza, di que hai que tomar "medidas a tempo"
O secretario xeral de Xuntos Actúa, Carlos del Río, asegurou este martes que Vox é "unha organización fascista" e que, "de non tomarse medidas a tempo", pode chegarse "a unha situación moi complicada en todo o Estado español".
Por iso, a formación, expresión en Galicia do proxecto auspiciado por persoas como Baltasar Garzón, Federico Maior Zaragoza ou Cristina Almeyda, decidiu presentar a comunidade unha denuncia ante a Fiscalía Xeral do Estado contra Vox, ademais de contra varios dos seus dirixentes –Santiago Abascal, Francisco Serrano e Inma Sequi–, por un posible "delito de odio ou fomento da violencia contra grupos ou persoas determinadas por motivos racistas, étnicos, ideolóxicos ou relixiosos".
"Vox busca, cunha actitude agresiva, o regresar a un guerracivilismo, enfrontando a comunidades autónomas"
Así o asegurou Do Río nunha comparecencia realizada no mediodía deste martes na sede do Ateneo Ferrolán, onde explicou que a demanda é "de sentido común ante as afirmacións e desmáns que un partido político como Vox está a ter día tras día". A denuncia foi entregada na mañá deste luns, 10 de decembro, en Madrid.
O secretario xeral de Xuntos Actúa asegurou que a formación liderada por Santiago Abascal "busca, cunha actitude agresiva, o regresar a un guerracivilismo, enfrontando a comunidades autónomas, unhas contra outras, pondo a violencia de xénero e ás mulleres nunha situación denigrante", ademais de xerar "odio facía os inmigrantes".
Por iso, chamou a atención sobre a necesidade de que "a sociedade española esperte dun discurso e uns insultos fáciles que poden levar a unha catástrofe no Estado".
O portavoz de Xuntos Actúa tamén mostrou unha mensaxe de Twitter de Santiago Abascal, líder de Vox, no que comentaba unha noticia sobre a detención de 15 mozas por unha agresión sexual e apuñalamento. Con esta noticia, apuntou, empregaba o feito de que os detidos eran magrebís para asegurar que "hai que expulsalos e esixir responsabilidades aos que os trouxeron, e aos que lles seguen chamando".
En canto á decisión de presentar esta denuncia ante a Fiscalía Xeral do Estado, Armada apostou por "enfrontar ao Estado as súas propias contradicións". "Estamos ante un Estado posfranquista, que non eliminou as sombras do fascismo e entendemos que, ante as manifestacións de Vox, a Fiscalía Xeral do Estado debería de actuar xa de oficio, e non o fixo", resolveu.