Martínez será vicepresidente e regresará ao grupo socialista

Así o confirmou o presidente da Deputación, que anunciou que o alcalde de Becerreá será responsable de Vías, Obras e Parque Móbil ►Álvaro Santos pasa a encargarse de Relacións Institucionais e da portavocía socialista ►Intentarán paralizar o expediente de expulsión do PSOE de Martínez ►Campos: "É o momento de pór o contakilómetros a cero"
Darío Campos y Manuel Martínez, en la Diputación
photo_camera Darío Campos y Manuel Martínez, en la Diputación

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, compareceron este mediodía no Pazo de San Marcos para anunciar o regreso do deputado díscolo á disciplina do grupo provincial socialista e, de paso, o seu retorno ao goberno provincial, como vicepresidente e delegado de Vías, Obras e Parque Móbil.

Logo de catorce meses de desencontros, reproches cruzados e expresións altisonantes por parte duns e doutros, Darío Campos asegurou que polo menos a súa relación persoal con Manuel Martínez nunca de deixou de ser "cordial", máis aló das diferenzas políticas ou do claro enfrontamento do alcalde de Becerreá cos que foron, deixaron de selo e volven ser os seus compañeiros de grupo.

Nunha multitudinaria rolda de prensa, con Manuel Martínez sentado á súa esquerda, no mesmo lugar no que se celebran todos os venres as xuntas de goberno da Deputación de Lugo, Campos asegurou que chegou o momento de "pór o contakilómetros a cero" e "encartar o retrovisor".
Ao seu xuízo, "o pasado non se pode cambiar", pero si "aprender del".

De feito, asegurou que seguramente tanto el como o propio Manuel Martínez actuarían de forma diferente se volvesen a aquel instante do mes de xuño no que o alcalde de Becerreá, doído por ser vetado como presidente, votou por se mesmo e facilitou a chegada ao poder da popular Elena Candia.

Pola súa banda, Martínez fixo unha valoración "positiva" do acordo alcanzando co Partido Socialista para regresar á disciplina do grupo provincial, porque ao final cumpríronse as mesmas condiciones que el puxera no seu momento para apoiar a moción de censura que lle arrebatou a presidencia da Deputación ao Partido Popular.

Basicamente, o que pedía Martínez era ser vicepresidente e asumir as delegacións de Vías, Obras e Parque Móbil, que agora levará dentro do Área de Xestión Territorial, un traballo polo que percibirá unha dedicación exclusiva.

O regreso de Martínez supón toda unha reestruturación do goberno provincial polo que o propio Darío Campos quixo agradecer expresamente a "xenerosidade" do alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, que ata agora se ocupaba de Vías e Obras, e do que foi vicepresidente, Álvaro Santos, que permanecerá como portavoz do grupo provincial e responsable de Relacións Institucionais.

De feito, Campos asegurou que a decisión de facilitar o regreso de Manuel Martínez foi "falada e consensuada", porque el non lle pediu a ningún deputado que "renunciase ao seu cargo ou aos seus dereitos", senón que se chegou á conclusión, logo de analizar a situación política na Deputación, que "a mellor solución era que volvese Manolo".

Campos tamén precisou que, a pesar de que Manuel Martínez cobrará unha dedicación exclusiva, o gasto do goberno non se incrementará, de modo que haberá que reestruturar tamén a repartición da asignación orzamentaria.

En canto á situación de Manuel Martínez dentro do partido, o propio alcalde de Becerreá recordou que está "suspendido temporalmente de militancia", pero segue pertencendo ao PSOE e, aínda que ten un expediente aberto, Campos expresou o seu desexo de que esa situación quede liquidada "canto antes".

Con respecto ao seu reingreso no grupo provincial, será inmediato, aclarou, porque a decisión foi ratificada por escrito polos outros dez integrantes do mesmo.

En calquera caso, a pesar do regreso de Martínez, o Partido Socialista aínda non recuperou a maioría no pleno da Deputación, polo que confía en pechar pronto un acordo cos seus antigos socios para aprobar o orzamento, os nacionalistas do BNG, quen xa confirmaron que non regresaron ao goberno no que queda de mandato.

"Faltan uns pequenos flocos", dixo Campos, quen confía en aprobar o orzamento na segunda semana de marzo e incluso "por unanimidade".

Comentarios