O príncipe Henrique de Dinamarca, esposo da raíña Margarita, morreu aos 83 anos de idade, tras ser hospitalizado a finais de xaneiro, informou este mércores a Casa Real danesa.
"A súa alteza real o príncipe Henrique faleceu ás 23.18 horas do martes 13 de febreiro no castelo de Fredensborg", residencia de primavera e outono da familia real situada ao norte de Copenhague e á que fora trasladado desde o hospital, segundo o comunicado divulgado de forma oficial.
Debido ao grave empeoramento da saúde do seu pai, o príncipe herdeiro, Federico de Dinamarca, suspendeu a semana pasada a súa estancia en Corea do Sur, onde viaxara para asistir aos Xogos Olímpicos de Inverno.
A Casa Real desvelara con anterioridade que o motivo do ingreso do príncipe consorte no Hospital do Reino de Copenhague era un exame dun tumor no pulmón esquerdo, que resultou ser benigno, e unha infección, e que cando terminase o tratamento, sería dado de alta.
A Henrique detectáraselle en setembro demencia senil, un diagnóstico que foi feito público despois de orixinar unha polémica polos ataques que lanzou contra a súa esposa en medios daneses.
Henrique , de orixe francesa, declarara que non quería ser enterrado con Margarita porque se ignorou o seu desexo de ser rei consorte, unha vella reivindicación súa, e, nunha posterior entrevista, sinalou que a raíña o tomaba "por parvo" e non o respectaba.