Un hispanosuizo, detido en relación co asasinato das turistas nórdicas en Marrocos

Varias persoas acenden velas durante unha vixilia en honra ás dúas turistas escandinavas asasinadas en Marrocos. THOMAS SJOERUP

Non se revelou a súa identidade, tan só que é alguén "de ideoloxía extremista e violenta"

O home detido este sábado en Marrocos pola súa presunta relación cos arrestados polo asasinato de dúas turistas escandinavas ten a dobre nacionalidade hispano-suíza e pasaporte español, confirmaron a Efe fontes do Ministerio de Asuntos Exteriores.

A Oficina Central de Investigación Xudicial (BCIJ) de Marrocos explicou a través dun comunicado que a detención se produciu en Marrakech e que o arrestado, de quen non se revelou a identidade, é alguén "de ideoloxía extremista e violenta".

Por iso, a policía marroquí informou da súa detención ao consulado xeral de España en Casabranca, que está a prestar a "asistencia consular habitual" a un nacional arrestado, detallou Exteriores. 

As autoridades de Marrocos detiveron os presuntos autores do atentado terrorista ocorrido a mediados de decembro contra as dúas turistas nórdicas, un ataque perpetrado por catro terroristas que gravaron un vídeo no que aparecen prestando lealdade ao Estado Islámico (EI).