Kobe Bryant e a súa filla Gigi foron enterrados nunha cerimonia privada

Un mural dedicado a Kobe Bryant e a súa filla Gianna en Los Ángeles. EFE

Kobe Bryant e a súa filla de 13 anos, Gianna, recibiron sepultura a semana pasada nunha cerimonia familiar privada nun cemiterio próximo á súa residencia no condado de Orange, en California, segundo o certificado de defunción obtido por medios locais. 

O certificado revelou que os restos do exxogador da NBA foron enterrados o 7 de febreiro no Pacific View Memorial Park da cidade de Corona del Mar, unha cidade veciña ao que era o fogar das cinco veces campión da NBA, segundo o periódico Los Ángeles Times. 

Vanessa Bryant, viúva da estrela de baloncesto e nai de Gianna, dixo este luns que o seu cerebro se nega a aceptar" que ambos faleceron no fatal accidente de helicóptero a finais de xaneiro. "Fun remisa a expresar os meus sentimentos con palabras. O meu cerebro négase a aceptar que tanto Kobe como Gigi se foron", lamentou na súa conta de Instagram.

No momento da colisión, Kobe Bryant viaxaba coa súa filla e outras sete persoas a bordo dun helicóptero que usaba habitualmente para evitar o tráfico de Los Ángeles. Xunto a eles perderon a vida o adestrador de béisbol da Universidade de Orange Coast, John Altobelli; a súa muller Keri e a súa filla, Alyssa, que xogaba no mesmo equipo que Gianna; a adestradora de baloncesto Christina Mauser; outra compañeira do equipo e a súa nai, Payton e Sarah Chester, e o piloto, Ara Zobayan.

O 24 de febreiro celebrarase un memorial público en recordo dos falecidos no Staples Center, a cancha de Los Ángeles Lakers. A data (24/2/20) contén un simbolismo especial para a familia Bryant, xa que o dous é o número que portaba Gianna, o 24 é o que levou Kobe Bryant gran parte da súa carreira, e o 20 é o número de tempadas que xogou en Los Ángeles Lakers.