Un morto e 68 feridos pola explosión dun camión nun luns negro en Italia

Vista da ponte da autoestrada do cruzamento Casalecchio tras a explosión dun camión cisterna en Italia. EFE

Doce xornaleiros inmigrantes morreron tamén noutro accidente de tráfico

Polo menos unha persoa morreu e 68 resultaron feridas este luns pola violenta explosión dun camión cisterna con material inflamable na autovía da cidade italiana de Bolonia (centro-norte), nunha xornada negra para as estradas do país. O accidente produciuse á primeira hora da tarde nunha estrada á altura do barrio boloñés de Borgo Panigale, moi preto do aeroporto, cando o camión cisterna arremeteu por detrás a outro, segundo se aprecia nas imaxes da Policía.

A colisión deu lugar a unha primeira explosión que rapidamente envolveu en lume o camión e, instantes despois, orixinouse unha violenta detonación que derrubou parcialmente un paso elevado da calzada e afectou os coches dun concesionario próximo. Fontes da Delegación do Goberno nesa cidade explicaron que polo momento se verificou unha vítima mortal, pero advirten de que se trata dun balance provisional que podería aumentar nas próximas horas, cando avance a procura.

Os bombeiros limitáronse a informar de que no lugar localizáronse "vítimas" mortais, e algúns medios locais apuntan a que os falecidos poderían ascender a tres, aínda que as autoridades aínda non confirmaron esta información. Polo momento o condutor do vehículo considérase desaparecido.

O virulento accidente, que afectou tamén a edificios das inmediacións, causou polo menos 68 feridos de diversa consideración, sobre todo por mor das queimaduras, confirmaron fontes do Servizo Sanitario Rexional de Emilia Romagna (AUSL). Destes feridos, 50 foron tratados como "código un", é dicir, que revisten gravidade.

Moitas destas persoas tiveron que ser aloxadas en distintos hospitais da rexión de Emilia Romagna, como o Maggiore de Bologna, ou os de Cesena, Parma e Bazzano. Entre os feridos hai dous policías e once carabineros que estaban no lugar regulando o tráfico debido a un incidente previo.

Os bombeiros divulgaron a través das súas redes sociais o momento en que se produciu este accidente, que puido advertirse por toda a cidade dada a intensa columna de lume e fume negro que xerou, xa que o camión transportaba gas licuado do petróleo. Moitos vehículos aparcados nun concesionario das inmediacións tamén estalaron e a deflagración esnaquizou as fiestras dos edificios próximos, segundo reportan os medios. Os bombeiros procederon a estudar os posibles danos provocados na estrutura dos edificios lindeiros.

DOCE XORNALEIROS FALECIDOS. Este non foi o único accidente rexistrado este luns nas estradas de Italia, pois no sur, nunha vía nacional próxima á cidade de Foggia, morreron doce xornaleiros inmigrantes no accidente do furgón no que regresaban de recoller tomates no campo.

Faleceron ao chocar frontalmente o seu vehículo cun camión, e o suceso ademais saldouse con tres persoas feridas. Trátase do segundo accidente deste tipo nos últimos días, pois o pasado sábado morreron catro inmigrantes nunha situación similar: regresaban do campo e pereceron nun camión cerca do municipio de Ascoli Satriano, tamén en Apulia.