Un refuxiado sirio morre ao detonar un explosivo en Baviera e provoca polo menos unha decena de feridos

As investigacións postas en marcha tratan de pescudar se se trata dun atentado xihadista
Policías se incautan de varia documentación y pruebas de un hogar para refugiados en Ansbach, en el marco de la investigación
photo_camera Policías se incautan de varia documentación y pruebas de un hogar para refugiados en Ansbach, en el marco de la investigación

Un solicitante de asilo sirio de 27 anos morreu na noite do domingo ao detonar un artefacto explosivo, que feriu a máis de dez persoas, na localidade de Ansbach (sur de Alemaña), e a policía investiga a posibilidade de que se trate dun atentado islamita.

O ministro de Interior de Baviera , Joachim Herrmann, explicou en rolda de prensa que o feito de intentar matar a máis persoas na detonación, nas proximidades dun festival de música ao aire libre, apunta nesa dirección.

ATACANTE. Os investigadores céntranse na contorna e os contactos do home, que tiña antecedentes policiais; segundo Herrmann, tampouco se pode descartar que a súa intención fose suicidarse.

Intentárao en dúas ocasións previas e pasara por un hospital psiquiátrico.

Segundo a policía, o home intentou entrar ao festival de música que se celebraba no centro da cidade con asistencia de 2.500 persoas, pero non se lle deixou pasar porque non tiña entrada.

Está a investigarse un teléfono móbil que levaba e tamén a composición do artefacto explosivo, que contiña pezas de metal.

REFUXIADO. O home, que vivía nun albergue de Ansbach, chegou hai dous anos a Alemaña e solicitou asilo, pero a súa petición foi denegada o ano pasado; a súa expulsión do país atopábase en suspenso ante a situación que atravesa Siria.

Herrmann condenou os "abusos" do dereito ao asilo e fixo fincapé en que os refuxiados en Alemaña deben respectar as leis e as normas do país.

O político bávaro indicou que o caso será abordado na reunión que manterá este luns a Unión Socialcristiana de Baviera  (CSU) -partido gobernante nese Land-, onde se estudarán posibles medidas sobre a política de asilo para evitar abusos.

A policía, que despregou a ao redor de 200 axentes en Ansbach, abriu unha liña de teléfono para recibir información de posibles testemuñas e difundiu unha dirección de correo electrónico para solicitar fotos e vídeos da contorna da explosión.

SEMANA DE TERROR. A explosión de Ansbach prodúcese nunha semana en que Baviera foi sacudida por sucesivos actos violentos.

O pasado luns un refuxiado afgán de 17 anos atacou cunha machada e un coitelo aos pasaxeiros dun tren rexional e feriu a cinco persoas antes de ser abatido pola policía.

O mozo colgara en internet un vídeo no que se proclamaba "soldado do califato" e os investigadores asumen que actuou inspirado pola propaganda de Estado Islámico (EI).

O venres activouse a alarma antiterrorista na capital do Land, Múnic, tras abrir fogo nun centro comercial un mozo xermano-iraniano de 17 anos, que matou a nove persoas antes de suicidarse acurralado pola policía.

Ao tiroteo non se lle atribúe un transfondo islamita, senón que se considera un acto de tolemia homicida por parte dun mozo que recibía tratamento por depresión e que estaba obsesionado por outros baños de sangue.

No medio do pánico desatado por estes ataques, un sirio de 21 anos matou o domingo cun machete a unha muller en Reutlinge, no veciño Land de Baden Württenberg, un caso que a policía investiga como posible violencia de xénero.

Comentarios