Calidade escríbese con Q

No mundo empresarial, e máis nos tempos que corren, os donos dos negocios sempre se esmeran en buscar aquel elemento diferenciador que faga á súa empresa distinta ás demais. Cada un ten a súa aposta, pero no caso de Juan Francisco López, a idea estaba clara: a calidade é o que importa. Por ese motivo, o Instituto para a Calidade Turística Española (Icte) acaba de outorgarlle ao hotel O Cabazo, establecemento ribadense rexentado por López, o seu Q de Calidade.

«Temos que intentar distinguirnos do resto. Conseguir a Q significa certificar o noso compromiso co cliente. É un exemplo de que tratamos de mellorar, primeiro por lograla e segundo polos requisitos necesarios para mantela e que non cha quiten», explicou Juan Francisco López.

A Q é un distintivo outorgado polo Icte a aqueles establecementos turísticos que reúnen unha serie de estritas condicións cualitativas impostas polo organismo: «Establecen unha serie de normas de control, relativas, por exemplo, a como se debe poñer a mesa, de que maneira se teñen que conservar os alimentos ou á forma na que se desenvolven os plans de limpeza. Pódenche facer análise nas zonas de risco da cociña ou incluso ó propio manipulador de alimentos. Nos xa posuíamos o certificado de calidade Iso 9001, que é máis xenérico. Este é máis específico, adicado só os negocios que teñen que ver co turismo, e as pautas a seguir tamén son máis minuciosas», comentou o rexente do Cabazo.

«Estamos a tratar de mellorar día a día. A consecución deste distintivo sérvenos para que os posibles clientes teñan unha garantía de que o hotel cumpre cunhas condicións mínimas de limpeza ou sanidade, si, pero ó mesmo tempo obríganos a ser constantes e coidadosos no traballo», explicou López.

O Icte procederá á entrega da Q de calidade o vindeiro xoves ás doce do mediodía no centro de convencións sur de Ifema, en Madrid, acto que se desenvolverá dentro da programación da Feira Internacional de Turismo, Fitur, en Madrid.