Cociña caseira para clientes de toda a vida


Charo Abeledo e a súa filla Marta

O Mesón Parrillada Santa Marina é sinónimo de boa cociña. Este negocio familiar, con 22 anos de existencia, distínguese pola calidade dos seus produtos e a súa coidada preparación. As carnes, xa sexa o chuletón, o entrecot ou o solombo de tenreira, son o gran reclamo deste establecemento situado no Corgo, á beira da antiga Nacional-VI. Tamén o churrasco de porco e tenreira conta con moitos adeptos.

Este mesón, situado no amplo baixo dun chalé, conta cunha clientela fiel, de toda a vida. Comer aquí é unha tradición que pasa de pais a fillos. A xente queda enganchada pola excelente interpretación da cociña caseira, enraizada na tradición galega, que distingue este establecemento.

Xunto á calidade das carnes, o realmente importante é o agarimo e o coidado que pon na cociña deste local rexentado polo matrimonio formado por Ángel López Fernández e Charo Abeledo, xunto á súa filla Marta.

O martes pasado era realmente un espectáculo ver como se ía facendo aos poucos un espectacular cocido, con butelo incluído, que se adoita facer por encargo nestas datas. Nas grandes potas íanse facendo aos poucos as respectivas partes do cocido. Mentres que as cociñeiras preparaban as rosquillas, as filloas e outras sobremesas típicas destas datas de Entroido.

Os callos, que se serven os fins de semana, son realmente espectaculares e suscitan devoción. É un prato substancioso e rotundo. Hai poucas cousas mellores que estes callos ben condimentados e quentes, acompañados dun bo viño do país. Menos coñecido é, salvo para quen a encargan de cando en vez, que a tortilla de patacas está para chuparse os dedos, do mesmo xeito que o revolto de cogomelos e grelos, que están en plena sazón, no seu papel de hortaliza estrela do inverno.

O bacallau á portuguesa e á galega e a pescada á galega, coa súa ajada, son dúas boas opcións no apartado de peixes, xunto aos chipirones á prancha ou fritos. Os lagostinos á prancha gozan da preferencia de moitos clientes.

MENÚS ESPECIAIS

Outro dos atractivos da carta do mesón Santa Marina son os seus menús especiais, ao prezo de 18 euros, con bebida e sobremesa incluídos. Trátase dunha proposta que se puxo en marcha recentemente con bastante éxito, xa que nela ofrécense algúns dos pratos máis logrados deste restaurante.

Entre os entrantes destacan o revolto de cogomelos e gambas, os cogomelos á prancha, as croquetas caseiras ou os chocos á prancha. De segundos poden elixirse pescada á galega, raxo con patacas, churrasco de tenreira á brasa e bacallau á portuguesa.

As sobremesas son caseiros e entre os de maior demanda figuran a torta de queixo, o ‘brownning' de chocolate con xeado de vainilla e a torta de tiramisú.

GUÍA PRÁCTICA

Como chegar

O Mesón Parrillada Santa Marina atópase no quilómetro 490 da antiga Nacional-VI, no Corgo.

O local pecha os luns e adoita estar moi concorrido os fins de semana.

Reservas

Para reservar mesa pode chamarse ao teléfono 982. 30.04.13.

Saber máis
Municipio do Corgo