Acepta 20 anos de cárcere a banda albanesa que asaltou máis de 30 casas no sur de Pontevedra

Los cuatro varones de nacionalidad albanesa acusados de 31 robos en viviendas, durante el juicio
Os catro implicados cumprirán os primeiros 18 meses en España e logo procederase á súa expulsión do país

Catro homes de nacionalidade albanesa acusados de formar unha banda á que se lles atribúen 31 roubos en vivendas en Nigrán, Gondomar, Baiona e Redondela entre xullo e outubro de 2015, recoñeceron os feitos e aceptaron penas de cárcere que suman os 20 anos.

Son dez anos menos que os que pedía en principio o fiscal, aínda que a sentenza de conformidade, ditada este mércores in voce na sección quinta da Audiencia de Pontevedra, recolle que os primeiros 18 meses os cumprirán en España e logo procederase á súa expulsión do país, ao que non poderán regresar nun decenio.

Na fixación da pena tívose en conta a atenuante de reparación do dano, ao consignar 19.700 euros dos máis de 66.000 euros que deberán afrontar en concepto de responsabilidade civil.

Segundo o escrito da Fiscalía, os individuos identificados coas iniciais T.M., M.M., A.M. e B.D., xunto con P.H., quen non puido ser localizado e está en busca e captura, levaron a cabo unha serie de roubos en vivendas habitadas na comarca do Val Miñor entre xullo e outubro de 2015.

Para acceder ás vivendas forzaban portas e fiestras con desaparafusadores e, unha vez dentro, subtraían todos os obxectos de valor ao alcance, principalmente xoias, reloxos e diñeiro en efectivo.