Cóidate tras a festa

Segue esta pequena guía e a túa pel deixará de reflectir os excesos dunha (ou varias) noites de esmorga

A RESACA NON é só unha procesión que leva por dentro. E é que o noso corpo reflexa o sufrimento tras unha noite de excesos tamén no exterior: olleiras, bolsas, falta de luminosidade da pel... Por sorte, pódese acelerar o proceso de recuperación. Segue estes sinxelos trucos e verás como cambia o aspecto da túa pel.

LIMPEZA. O máis probable é que ao chegar a casa, logo dunha longa noite de festa, non retires a maquillaxe de forma correcta, ou que directamente durmas con ela posta. Por iso o fundamental é que fagas unha limpeza en profundidade da túa cute: usa un bo desmaquillante e, incluso, realiza unha exfoliación para retirar as células mortas da epidermis.

MÁSCARA. Logo dunha limpeza intensiva é necesario rehidratar a pel. E para iso non hai nada mellor que unha máscara. Déixaa actuar entre 15 e 20 minutos e verás como a luminosidade e a suavidade volven á túa cute.

CONTORNO DE OLLOS. O normal é que non durmas demasiado ben ao chegar a casa logo dunha festa. E os ollos adoitan reflectir moi ben o cansazo a través das bolsas e as olleiras. Pero no mercado existen produtos para contrarrestar estes signos. Un exemplo son os parches para contorno de ollos, que se fixeron moi populares nas redes sociais.

Pero o máis importante de todo é que en canto poidas descanses ben, tomes comidas lixeiras e, sobre todo, bebas moita auga para depurar o organismo.