O albariño Agnusdei purificará os peregrinos

peregrinos_col1.jpg

O vicepresidente da Fundación da Peregrinación a Santiago, Agustín Dosil Maceira, e o director xerente de Adegas AgnusDei, Dionisio Oseira, subscribiron este mércores un convenio de colaboración, mediante o que o albariño da empresa meañesa se converterá no Viño do Camiño 2010.

Esta iniciativa pretende impulsar a difusión das rutas espiritual e vitivinícola que discorren de xeito paralelo ao Camiño de Santiago, con motivo da conmemoración do Ano Santo 2010. Parte dos beneficios da venda irán destinados á atención dos peregrinos que cheguen a Galicia durante o próximo Xacobeo.

En virtude desta colaboración, Adegas Agnusdei porá a disposición da Fundación os seus bagazos e 50.000 botellas de viño personalizadas, mediante a introdución de elementos de promoción do Camiño de Santiago. Así mesmo, cederá á entidade unha porcentaxe de cada botella vendida ao amparo desta iniciativa.

Adegas Agnusdei, integrada no Grupo Vinum Terrae, elabora viños e licores da Denominación de Orixe Rías Baixas e desenvolve actividades de enoturismo nas súas instalacións, situadas no concello pontevedrés de Meaño.